Boa acollida da ferramenta de diagnose enerxética para a PEME

martes, 16 de agosto do 2011 Redacción

Nestas primeiras semanas de funcionamento da aplicación de Diagnose Enerxética On line, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, obtívose un elevado número de visitas, cun rexistro de preto de 200 usuarios e o desenvolvemento de 163 auditorías. Estes datos reflicten a boa acollida que está a ter a aplicación dentro do eido empresarial galego e corrobora o compromiso da Xunta de Galicia coas PEME a prol do aforro enerxético, considerándoo un factor primordial para a mellora da súa competitividade empresarial.
A Consellería de Economía e Industria, a través desta ferramenta en liña, ten como principal obxectivo «facilitarlle as pequenas e medianas empresas a realización dunha diagnose dos consumos enerxéticos do seu negocio co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética», segundo sinalou Eliseo Diéguez, director do Inega.
O aforro e a eficiencia son fundamentais para as PEME que queren mellorar a súa competitividade e rebaixar os custos que non engaden valor engadido, así como mellorar a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna.
As auditorías terminadas reflicten un índice de aproveitamento medio do potencial da aplicación do 45,63%, isto significa que os usuarios se centraron naqueles aspectos que consideraban de maior interese, pero dispoñen aínda dunha importante marxe na aplicación para completar estas auditorías. Así, a aplicación cuantificou un potencial de aforro enerxético medio do 12,93% nas auditorías terminadas, o que supón «unha redución de custos media do 13,52% e nalgunhas auditorías cun marxe de aproveitamento elevado, estanse a conseguir reducións de custos de ata un 40%», apuntou o director do Inega.
Asemade, a ferramenta constitúe tamén unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medidas de aforro e eficiencia e do uso das renovables nos sectores económicos estratéxicos de Galicia.

PUBLICIDADE