Blusens debe máis de 4 millóns de euros á Facenda

venres, 29 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A Axencia Tributaria publicou onte a cuarta edición da súa listaxe de debedores, na que figura 4.318 contribuíntes que a 31 de decembro de 2017 debían máis dun millón de euros á Facenda, cantidades que non estaban nin suspendidas nin aprazadas, ou sexa, que serían o que comunmente coñecemos como morosos.
Aínda que boa parte dos medios de comunicación están a centrarse na presenza de certas celebridades como Rodrigo Rato, Miguel Bosé, Mario Conde, Patricia Conde ou Kiko Matamoros, así como de empresas como Caramelo e Martinsa Fadesa, dende El Confidencial quixeron incidir en emprendedores e startups, que en moitas ocasións puxéronse como exemplos de éxito, e coa incorporación na listaxe de morosos arroxaríase unha sombra sobre moitos dos proxectos tecnolóxicos que a longo prazo demostraron non ser tan sólidos como se facía crer.
Entre as compañías que destacan en El Confidencial non falta a presenza galega de Blusens Technology, S.L., cunha débeda de 4.461.466,09 euros, da que respondería directamente José Ramón García, empresario compostelán que nos últimos meses volveu aos titulares tras unha operación policial contra a súa compañía, Blusens, que levou ao arresto de García acusado dun delito contra a propiedade intelectual e de organización criminal, cargos polos que aínda non respondeu xudicialmente.
Dende El Confidencial tamén destacan que o 44% da débeda que figura na listaxe publicada pola Facenda corresponde a debedores en proceso concursal (como é o caso de Blusens) polo que o cobro por parte do fisco é moi dubidoso.

PUBLICIDADE