Blusens crea un selo musical propio totalmente dixital

martes, 8 de abril do 2008 Raquel Noya

A firma galega de electrónica de consumo, Blusens, vén de amosar unha vez máis a súa capacidade para innovar con produtos de deseño e calidade. Desta volta, o presentado pola empresa compostelá non é un dispositivo electrónico máis, senón un servizo que de seguro non pasará desapercibido: trátase do Blusens Music, un selo musical propio e cen por cen dixital que comercializará as obras de diversos artistas a través de novas canles e que permitirá potenciar a interactividade nas relacións entre cantantes e os seus seareiros. Entre outras cousas, Blusens Music distribuirá temas de artistas novos nos seus reprodutores e poraos a disposición do público en xeral na súa comunidade en liña blu:generation.
Esta web convértese así nun punto de encontro en Internet no que os usuarios poderán compartir as súas preferencias musicais con outros internautas e cos propios artistas para que estes teñan información directa sobre os gustos dos seus seguidores.
A iniciativa non é máis que unha mostra da evolución que está experimentando o mercado musical internacional e a postura tomada por Blusens supón unha aposta clara polo futuro da distribución musical por canles dixitais. En termos do propio conselleiro delegado da firma, José Ramón García, “Blusens Music supón a materialización da experiencia da compañía no mercado musical”.
Blusens Music vai anunciar en breve o nome do primeiro artista en firmar un contrato coa compañía.

PUBLICIDADE