BlueStacks permite gozar de aplicacións para Android en OS X

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Dende hai varios anos temos ferramentas como BlueStacks que facilitan a reprodución de aplicacións para Android baixo Windows, o que no caso de Windows 8 incluso se veu no seu día como un atallo para contar con numerosas aplicacións nas tabletas co sistemas de Microsoft, e agora chega a versión para OS X do BlueStacks App Player, de xeito que os usuarios de Mac poden gozar dun xeito sinxelo de aplicacións móbiles no seu equipo, podendo controlalas co rato e o teclado e soportando incluso pantallas Retina e aproveitando os xestos táctiles dos trackpads de Apple.
Esta ferramenta permite así que os usuarios de ordenadores de Apple poidan instalar no seu equipo aplicacións directamente de Google Play, dende as que incluso será posible acceder á cámara e ao micrófono do seu equipo, e gozando da optimización gráfica oportuna para poder incluso empregar videoxogos con soltura.
Actualmente BlueStacks consegue correr axeitadamente o 96% das aplicacións para Android e o 86& dos xogos, e incluso hai fabricantes como Lenovo, Asus ou MSI que pre-instalan este software nos seus equipos, como símbolo da confianza que se ten nesta solución informática que pode resultar moi atractiva para os usuarios que queren continuar a gozar no ordenador dos xogos que usan normalmente en dispositivos móbiles ou que simplemente queren introducirse no sistema operativo Android sen ter que adquirir un dispositivo desta plataforma.


Vídeo no que anuncian a chegada de BlueStacks a OS X

PUBLICIDADE