Bloqueos unánimes a Trump por incitar á violencia nas redes sociais

xoves, 7 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O abandono de Donald J. Trump da presidencia dos EE.UU. está a pór a proba ás principais plataformas de redes sociais despois do que o aínda presidente instigase unha revolta no Capitolio, ante o que Twitter actuou inicialmente advertindo das falsidades divulgadas por Trump e, ante a escalada de violencia, tivo tiveron que adoptar toda unha serie de medidas como o borrado de varios chíos do presidente, o bloqueo da súa conta de usuario até 12 horas despois do borrado dos chíos que incumpren coas normas de Twitter e a advertencia de que, se Trump reincide, recibirá unha suspensión permanente da súa conta, xa que no futuro non será unha figura de relevancia tal que mereza as excepcións das que se beneficiou nos últimos anos.
Pero Twitter non foi a única plataforma que tivo que tomar medidas contra a violencia en Washington, e Facebook tamén tivo que borrar contidos divulgados por Trump, bloquear a súa conta durante 24 horas e eliminar tamén moito outro contido que apuntase na mesma dirección que a de Trump ou que apoiase teorías conspirativas.
Cómpre salientar que tamén Instagram e Snapchat, plataformas menos afeitas a meterse en leas políticas, tamén están a bloquear a Trump, xa que na situación actual estase a transcender a política e estas estritas medidas buscan evitar unha escalada de violencia nos EE.UU.

ACTUALIZACIÓN: Mark Zuckerberg detallou a través da súa conta persoal en Facebook que os bloqueos a Trump en Facebook e Instagram durarán outros 13 días máis para evitar riscos durante o período no que aínda estea na presidencia dos EE.UU.
Shopify tamén decidiu pechar as tendas de mercadotecnia de Trump asegurando que a incitación á violencia viola as normas do seu servizo.

PUBLICIDADE