Bloquean o acceso a varias páxinas web de intercambio de contidos audiovisuais

mércores, 28 de maio do 2014 Marcus Fernández

Newpct.com resístese ao bloqueo informando de xeitos para evitalo

O Xulgado de Instrución nº 10 de Zaragoza ditou un auto polo que acorda o peches das tres páxinas web do grupo Spanishtracker (pctestrenos.com, pctorrent.com e descargaya.es) e o bloqueo das súas tres outras páxinas web que teñen fóra de España (spanishtracker.com, newpct.com e tumejortv.com), para o que ordenaron á compañía que aloxa as páxinas o peche do dominio, á vez que ordena aos provedores de acceso (Telefónica, Ono, Jazztel, Orange e Vodafone) que impidan aos seus usuarios o acceso ás mesmas.
Pero deste auto non souberon nada directamente os responsables de Spanishtracker, senón que decatáronse do acontecido despois de que numerosos clientes de Telefónica advertisen que non podían conectarse ás súas páxinas web, o que provocou unha reacción rápida que consistiu en dar conta de que páxinas como newpct.com van estar clonadas tamén en newpct1.com e informando de que os usuarios de Telefónica poden saltar os bloqueos mediante engadidos para o navegador que cifran os contidos descargados da Rede, mentres que para os usuarios de Ono chegaría con que mudasen de servidores de DNS para, por exemplo, empregar os de Google. Medidas moi sinxelas que deixan claro que operar contra este tipo de espazos de intercambio audiovisual non resulta nada doado.
Estas actuacións son consecuencia dunha denuncia presentada pola Federación Antipiratería (FAP), á que o Xulgado non atendera en primeira instancia, pero si tras un recurso no que conseguiron que a xuíz entendese que a actividade das páxinas contra as que se actúa puidesen ser ilegais, como o feito de que se establecesen relacións entre unha persoa detida en Menorca mentres gravaba a película Gravity cunha cámara de vídeo e o grupo de distribución detrás das páxinas web mencionadas, o que permitiría dar un enfoque máis amplo á causa para a que aínda non hai sentenza firme.

PUBLICIDADE