Bloquean o acceso a Rojadirecta en Dinamarca

venres, 13 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A célebre páxina web galega Rojadirecta leva anos protagonizado numerosos xuízos en distintos lugares do mundo por mor de reclamacións de entidades de xestión de dereitos de retransmisións deportivas, ás que facilita o seu acceso sen pagamento, e aínda que fixeron falta distintas reformas lexislativas até que puidesen fallar sentenzas contra este espazo web, finalmente Rojadirecta non está accesible dende España por mor do bloqueo que realizan os operadores da Internet, pero iso non significa que o servizo desaparecese, de aí que continuasen as súas loitas xudiciais noutros territorios.
Agora temos que un tribunal danés ordenou ao provedor Telenor bloquear o acceso a Rojadirecta a petición do grupo anti-piratería local, RettighedsAlliancen e a LaLiga. As medidas xudiciais contra Rojadirecta son difíciles de conseguir xa que, na contra do que acontece con outras páxinas que facilitan o acceso ilegal a contido audiovisual, neste caso os responsables da páxina web non están involucrados activamente na escolma de ligazóns que facilitan o acceso aos contidos, senón que son os usuarios do servizo os que fan tal.

PUBLICIDADE