Bloquean ducias de parodias de El Hundimiento en YouTube

xoves, 22 de abril do 2010 Marcus Fernández

Cando gravaron a película El Hundimiento o último que agardaban era que unha das súas escenas, na que Adolf Hitler perdía os nervios, converteríase en todo un fenómeno na Internet, xa que ducias de usuarios a tomaban coma base de parodias nas que subtitulaban as palabras de Hitler para criticar a xogadores de fútbol, videoxogos, políticos, famosos… dando lugar a hilarantes cortes de vídeo que nalgún caso rozaban a xenialidade, pero que nos pasados días atoparon por sorpresa que en YouTube aparecían bloqueados por unha reclamación de copyright por parte de Constantin Film, empresa detrás do filme orixinal, o que provocou moito rebumbio, non só porque esta práctica non lesionase en absoluto os dereitos de copia, senón porque estariamos ante un uso totalmente legal do fragmento da película, pois a creación de parodias é unha das excepcións do copyright (xunto cos usos educativos) para os que non hai que pedir permiso aos propietarios das obras para replicalas.
O propio director de El Hundimiento, Oliver Hirschbiegel, asegurou nunha entrevista que veu unhas 145 parodias da popular escena, e riu moito con elas, chegando a asegurar que son o mellor cumprido que podería ter coma director.
Dende Google tiveron que reaccionar ante esta polémica, e xustificaron o acontecido explicando que Constantin Film realizou unha reclamación en YouTube baseándose na tecnoloxía de identificación de contidos coñecida coma Content ID, que serve para localizar copias de vídeos e música, pero que non é capaz de entender as intencións, de xeito que un uso correcto dunha peza protexida veríase limitado, o que tería unha doada solución: tras recibir unha reclamación de Content ID pódese presentar unha reclamación, e tras revisala, os vídeos bloqueados preventivamente volverán a estar dispoñibles en YouTube, polo que podemos agardar o rexurdir de Hitler en YouTube os vindeiros días.


Unha das moitas parodias de El Hundimiento


Un vídeo do Hitler real empregado tamén a xeito de parodia

PUBLICIDADE