Blogueiros do eido estatal debaten este venres en Lugo sobre o fenómeno dos cadernos en liña

mércores, 9 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Este venres día 11 comezan en Lugo uns encontros sobre o fenómeno das bitácoras que contarán con algúns dos representantes máis salientables do panorama blogueiro estatal. A primeira edición destas sesións, organizadas polo Concello, desenvolveranse ao longo de todo o día no antigo cuartel de Garabolos e co obxectivo de “debater sobre o actual fenómeno dos blogs e as novas iniciativas de participación na Internet”. A I Xornada de Redes Sociais e Blogs en Lugo (así se chama) dará acubillo, entre outras achegas, ás intervencións do galego Javier Pedreira (Microsiervos) ou de Raúl Ordóñez (Bitácoras).
Con todo, e malia contar con blogueiros de renome a nivel de escrita en lingua castelá, o encontro non semella encamiñado a reflectir a situación bitacoreira galega, tal e como se critica dende certos blogs galegos (que poñen de manifesto o escaso seguimento que se vai facer do noso movemento bitacoreiro, o Blogomillo) ou dende comunidades como Chuza!
Ao devandito hai que engadir o feito de que a páxina web onde se informa polo miúdo dos obxectivos e do programa da dita xuntanza non inclúa unha versión íntegra na nosa lingua.
Porén, e malia as obxeccións que se lle poidan facer a certos detalles do evento (e que dende agardamos se melloren na segunda convocatoria), o programa de actividades ten sobrados puntos de interese, tanto se somos blogueiros como se estamos a piques de selo. A apertura da xornada, como se pode ver a continuación, está prevista para as 9.30 e entre as diversas actividades que inclúe atópase un obradoiro de iniciación ao universo blog e, para rematar a xornada, o sorteo dunha axenda electrónica de nova xeración entre os asistentes.
· 09:30 - 10:00 hs: Entrega de acreditacións
· 10:00 - 10:30 hs: Presentación das xornadas da man de Luisa Zarzuela e Raul Ordóñez (bitacoras.com)
· 10:40 - 11:10 hs: Primeiro relatorio: Rodolfo Albella (pleiteando.com)
· 11:20 - 11:50 hs: Segundo relatorio. Conrado Xalabarder (mundobso.com)
· 12:00 - 12:20 hs: Coffee Break.
· 12:30 - 13:00 hs: Acto inaugural co alcalde de Lugo
· 13:00 - 14:00 hs: Mesa rendonda.
José de Cora (bitacoradecora.elprogreso.info)
Conrado Xalabarder (mundobso.com)
Rodolfo Albella (pleiteando.com)
Javier Pedreira (microsiervos.com)
Raul Ordóñez (bitacoras.com)
Descanso mediodía con xantar para relatores e convidados.
16:30 - 17:10 hs: Terceiro relatorio: Javier Pedreira (microsiervos.com)
17:20 - 17:50 hs: Cuarto relatorio: Manuel Guisande (blogs.lavozdegalicia.es/manuelguisande)
18:00 - 19:00 hs: Obradoiro Crea o teu propio blog Oscar Lage (userlinux.net)
19:00 - 19:20 hs: Sorteo de un Note Book
20:00 hs: Blogs&Beers (lugar por confirmar)

PUBLICIDADE