BlackBerry confirma unhas perdas netas trimestrais de 965 millóns de dólares

venres, 27 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A compañía de telecomunicacións móbiles BlackBerry publicou finalmente os seus resultados económicos para o trimestre que remata o 31 de agosto, confirmando uns resultados desastrosos, x que só facturou 1.573 millóns de dólares, o que supón unha caída do 49% fronte ao trimestre anterior e do 45% fronte ao mesmo período de 2012, pese a que neste exercicio a compañía canadense tiña á venda novos terminais co sistema operativo BlackBerry 10, de xeito que confírmase que a renovación dos seus produtos chegou demasiado tarde, non sendo capaz de facer remontar os resultados da empresa.
Os ingresos de BlackBerry correspondéronse un 49% a hardware, un 46% a servizos e un 5% a software e outros conceptos, pero parece ser que a meirande parte dos terminais que chegaron a mans dos compradores finais funcionaban co sistema operativo BlackBerry 7, mentres que os novos terminais están a ser ignorados polo mercado, provocando unhas grandes perdas para a compañía que tería acumulado uns 934 millóns de dólares en inventario do seu BlackBerry Z10, o que contribuíu a que o resultado operativo pasase dunhas perdas de 84 millóns do mesmo trimestre do ano pasado a 965 millóns de dólares en perdas para o trimestre que veñen de pechar.
Para paliar esta situación BlackBerry está a realizar serios axustes, como o despedimento do 40% do seu cadro de persoal e incluso a posta á venda da empresa, que xa conta cunha oferta de compra por parte de Fairfax Financial Holdings por valor de 4.700 millóns de dólares.

PUBLICIDADE