BlackBerry amosa os seus novos produtos e servizos en Barcelona

martes, 25 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

John Chen (BlackBerry) e Terry Gou (Foxconn) amosan o novo terminal BlackBerry Z3, que chegará ao mercado por menos de 200 dólares

BlackBerry non tira a toalla, e aproveita o Mobile World Congress para amosar as súas novas armas para loitar pola súa supervivencia tras o cambio de temón na compañía que deu o seu novo director xeral, John Chen, que foi o encargado de presentar os novos produtos e servizos que veremos nos vindeiros meses.
De cara ao sector corporativo a compañía canadense está a preparar unha serie de novos servizos para un uso seguro de dispositivos móbiles como a nova xeración de BlackBerry Enterprise Service, BES12, que facilita a xestión de dispositivos móbiles (tanto smartphones como tablets); crean o programa EZ Pass para habilitar de balde unha canle para migrar de BES e outras plataformas MDM a BES10; modifican a estrutura de prezos e licenzas de BES que agora queda en só 2 opcións (Silver e Gold) segundo o nivel de seguridade preciso; e estrean eBBM Suite, unha nova familia de produtos e servizos para smarphones de BlackBerry e BES que facilitan unha solución de mensaxería en tempo real moi segura.
Pero aínda que os servizos para empresas parezan ser a táboa de salvación da compañía, non queren dar aínda por pechada a súa división de dispositivos, e presentan un par de novos terminais móbiles: por unha banda teriamos o BlackBerry Z3, un smartphone con pantalla de 5 polgadas que funciona con BlackBerry 10.2.1 e sería o primeiro produto froito da alianza estratéxica con Foxconn (chegará ao mercado indonesio en abril a un prezo inferior aos 200 dólares); e por outra banda o BlackBerry Q20 chega cunha pantalla táctil de 3,5 polgadas e o tradicional teclado QWERTY, aínda que non o veremos ata a segunda metade do ano.

O BlackBerry Z3 é o primeiro terminal BlackBerry fabricado por Foxconn

PUBLICIDADE