BlackBerry Messenger estreará esta semana versión para iOS e Android

xoves, 19 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A vindeira fin de semana chegará a Android e iOS un agardado servizo, o BlackBerry Messenger (BBM), que foi unha das estrelas de RIM para popularizar os seus terminais BlackBerry entre a mocidade, e que agora será multiplataforma, de xeito que hai certa curiosidade por saber se conseguir recuperar algo de forza ou resultaralle imposible facer fronte a competidores tan establecidos globalmente como WhatsApp.
A nova aplicación móbil ten prevista a súa chegada a Google Play o vindeiro sábado, e á App Store durante o domingo, sendo en ambos casos de balde e ofrecendo as mesmas prestacións. A principal funcionalidade do BBM é o BBM Chat, que permitirá que usuarios da aplicación en móbiles iPhone, BlackBerry ou Android poidan chatear en tempo real de xeito individual ou en grupo, permitindo tamén compartir fotografías e mensaxes de voz. Tamén permite actualizar o noso estado de usuario e fixar un PIN para protexer os nosos contidos e miradas alleas.
A principal baza que quere xogar BlackBerry con este servizo é a súa calidade, asegurando que as mensaxes chegan en poucos segundos, conseguindo unha comunicación en tempo real que non sempre é posible cos seus competidores. Tamén ten certo control sobre a privacidade, de xeito que para comunicarse coa aplicación non será preciso dar a alguén o número de teléfono ou o enderezo de correo electrónico.

PUBLICIDADE