BlackBerry Hub chega de balde a Android 6.0

luns, 8 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Unha das principais funcionalidades de BlackBerry 10, o seu concentrador de comunicacións que colocaba nun único lugar o correo electrónico, o calendario, as chamadas, as mensaxes de texto, as redes sociais... tivo que trasladarse a Android para poder funcionar no smartphone BlackBerry PRIV e, proximamente, no DTEK50, pero finalmente a compañía canadense decidiu que este intelixente xeito de xestionar as nosas comunicacións no móbil podía abrirse a calquera usuario cun smartphone con Android 6.0 ou superior.
Para poder gozar do BlackBerry Hub+ nun móbil con Android teremos que instalar os Servizos de BlackBerry Hub+ no teléfono, que é a plataforma sobre a que se sostén esta tecnoloxía, e logo temos a aplicación BlackBerry Hub, que é a ferramenta que achega a bandexa de entrada unificada de BlackBerry que tanto gustou en BlackBerry 10, e que agora temos en Android Marshmallow totalmente de balde.
Dentro deste lote de aplicacións tamén están Calendario de BlackBerry e BlackBerry Password Keeper (un xestor de contrasinais que se emprega en combinación do Teclado BlackBerry para facer máis doado identificarnos en páxinas web).
Aínda que estas ferramentas chegan de balde en probas, a idea de BlackBerry é engadirlles publicidade para o seu financiamento, de xeito que os usuarios que queiran gozar das ferramentas de BlackBerry de balde debería pagar unha cota de 99 centavos ao mes, incluíndo así máis aplicacións de BlackBerry (como o lanzador de aplicacións) que polo momento están limitados aos dispositivos de BlackBerry.
Polo momento son poucos os terminais compatibles con BlackBerry Hub+, xa que limítase a Android 6.0, pero xa están a traballar en poder trasladar a experiencia a Android 5.0 e incluso investigan a posibilidade de ofrecer algo semellante para iOS.

Con BlackBerry Hub podemos xestionar nunha única aplicación correo electrónico, mensaxes, chamadas, redes sociais e calendario.

PUBLICIDADE