Bizum xa ten a mesma penetración que as transferencias bancarias

xoves, 2 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Un estudo de Ipsos sobre hábitos no uso do efectivo en 2022 reflicte os grandes cambios que se experimentaron en España durante os últimos anos, grazas en boa medida ao pulo que colleron os métodos de pagamento electrónicos no marco da pandemia (cando os pagamentos sen contacto dispararon o seu uso no pequeno comercio).
Se ben, os cartos en efectivo seguen a ser un método de pagamento universal, empregado pola case totalidade da poboación, o pagamento con tarxetas bancarias ten actualmente un índice de uso moi semellante (o 86% dos consultados pagan con tarxeta), aínda que hai tamén emerxeron novos métodos de pagamento, como é o caso de Bizum, que xa ten unha importancia equiparable aos pagamentos mediante transferencia bancaria, superando por moito aos pagamentos mediante dispositivos móbiles ou a través da Internet en plataformas como PayPal.
Se analizamos o uso dos distintos medios de pagamento en función da idade, o sexo e o nivel de estudos, os resultados foron bastante predicibles, con Bizum destacando nos usuarios de entre 18-24 anos, e cunha relación proporcional do uso do efectivo en función da idade e inversamente proporcional ao nivel de estudos.
Outro detalle a ter en conta é que, aínda que 3 de cada 5 consultados empregan o efectivo a diario, o nivel de uso cae en función dos importes a pagar, polo que podemos concluír que o efectivo está a quedar relegado para os pequenos pagamentos do noso día a día. Destaca o feito de que no pequeno comercio e na hostalaría, onde precisamente son comúns estes pequenos pagamentos, cada vez é máis raro aceptar unicamente efectivo (menos de 1 de cada 5). En contraste, nas grandes superficies os métodos de pagamento alternativos ao efectivo son maioritarios.

PUBLICIDADE