Biz Stone presenta unha aplicación de preguntas e respostas

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O co fundador de Twitter, Biz Stone, estreou hoxe unha nova ferramenta social, Jelly, que consiste nunha aplicación móbil actualmente dispoñible para iOS e para Android que busca solucionar dúbidas que poidan xurdirnos grazas á axuda doutras persoas, en vez de amosar directamente resultados como un buscador, partindo do concepto de que “a información non é coñecemento”.
Deste xeito, Jelly colle imaxes e persoas das nosas redes sociais para tecer unha malla na que tanto podemos facer preguntas como responder, destacando polo feito de que poden incluírse imaxes nas preguntas, de xeito que non padeceríamos a limitación dos 140 carácteres como máximo, pois unha imaxe vale máis que mil palabras.

Ben Finkel e Biz Stone son dous dos fundadores de Jelly

Os usuarios poden abrir a aplicación de Jelly, coller unha fotografía, debuxar un círculo sobre a mesma e preguntar o que é, e agardar a que alguén responda a cuestión, momento no que recibirá unha notificación. As respostas poden ser directas ou indirectas, ou sexa, que quen saiba a resposta pode publicala, pero tamén é posible mencionar a alguén que consideremos que poida dar coa mesma, levando esta ferramenta á nosa rede estendida de contactos.


Vídeo de presentación de Jelly

PUBLICIDADE