BitTorrent, vítima dunha vaga de spam con feitura de carta de advertencia

luns, 8 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O correo lixo ou spam nunca durme. De poder (e pode) procurará sempre novos xeitos de chamar á nosa porta. E non vale que nos relaxemos ollando para o ben que funciona o noso novo filtro. Máis tarde ou máis cedo, abrirase camiño e aparecerá na caixa de correo principal, enriquecéndoa con gratificantes convites a alongar determinadas partes do corpo humano ou a renovar certos datos bancarios. Segundo sinalou os días pasados Torrentfreak.com, as redes P2P e máis concretamente o servizo BitTorrent están sendo unha especie de novo paraíso para os responsables destes envíos non requiridos, en boa medida apoiándose no seguinte: en cuestións de envíos non solicitados, nada mellor que unha porta aberta. É niso consisten o BitTorrent, entre outras canles P2P, nunha porta que se mantén aberta en todos os equipos usuarios.
O caso é que o correo que máis está a proliferar na dita rede vén supostamente de MediaDefender, a firma que leva a cabo as manobras das entidades de protección de dereitos de autor contra os P2P.
En realidade, non é tal cousa. Trátase só dunha especie de brincadeira (que advirte ao usuario dunha serie de medidas a levar a cabo se persiste no uso das redes) que remata en algo máis. De feito, adxunto á mensaxe vai o miolo da cuestión: un troiano que se nos mete no computador e pasa a actuar logo pola súa conta convertendo o computador infectado nunha nova fonte de envíos lixo.

PUBLICIDADE