Biodiversidade.eu acubillou xa 2.600 observacións de 262 especies

mércores, 8 de outubro do 2014 Redacción

Coa Rede tamén se protexe o medio. Mellor dito: a Rede é xa, con toda probabilidade, a ferramenta de comunicación e información máis usada pola cidadanía para dar conta dunha especie a preservar ou defender, dun ecosistema ao que cómpre blindar ou dunha agresión á natureza da que é preciso informar. É coma o altofalante que lle falta a que non pode falar, e amais con conexións directas co mundo. Froito deste compromiso medioambiental e desta confianza nas redes sociais e Internet é Biodiversidade.eu, unha plataforma-acubillo para o noso medio da que xa falamos en Código Cero con motivo da súa presentación e que agora vén de acadar un fito a ter moi en conta: superar a liña das 2.600 observacións de 262 especies vexetais e animais ao longo do seu primeiro ano de actividade.
A iniciativa, como lembraremos, vén da man do grupo de investigación do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC). O seu obxectivo foi o de desenvolver unha base de datos que, á vez, fose unha comunidade de usuarios arredor da protección da biodiversidade galego-portuguesa. O espazo web acubilla recursos como novas compartidas, arrigos, roteiros e denuncias de ameazas. Asemade, permite a consulta de unidades didácticas. Dada a súa natureza colaborativa e á arela de facer comunidade, ten presenza de seu nas redes sociais (Biodiversidade Gz-Pt en Facebook e @biodiv-gnp). Segundo informan os responsábeis da súa posta en marcha, con este outono Biodiversidade.eu comeza “unha nova etapa para chegar ao maior número posible de persoas e así contribuír, de xeito colectivo, á conservación dos nosos valores”, explica o director do grupo Santiago Ortiz Núñez.
Lembrar que a comunidade-plataforma é o resultado do proxecto Biodiv_GNP, financiado con fondos FEDER do programa de cooperación transfronteiriza POCTEP. No referente á flora ameazada, eixo do proxecto orixinal desta proposta, a base de datos xa recolle a información coñecida sobre a presenzas das especies ameazadas e/ou endémicas, distribucións nas que se basearan os mapa das máis de 100 especies que incluirá o Libro Vermello de Flora Ameazada de Galicia e Norte de Portugal. Algunhas das citas incluídas sinalan novas poboacións ou núcleos de presenza, como os relativos a especies como Genista ancistrocarpa, Erodium maritimum, Rumex ruspestris, Xiphion boissieri e Succisa pinnatifida.

PUBLICIDADE