Bill Gates estima que os sistemas DRM actuais non teñen futuro

martes, 19 de decembro do 2006 Marcus Fernández

A pasada semana un grupo de blogueiros foi recibido por Bill Gates nas oficinais centrais de Microsoft en Redmond para discutir sobre a planificación do congreso MIX (que se celebrará en primavera en Las Vegas) nun encontro no que agasallaron ós presentes con reprodutores Zune e no que durante unha hora puideron conversar con Gates sobre temas de interese. Como detalle curioso os convidados destacaron que puideron mirar a cara de Gates mentres eles estaban a usar ordenadores Mac (chegando a recoñecer que estaba contento co uso dos Mac xa que vende “moito software” para tal plataforma).
Dos moitos asuntos comentados polo fundador de Microsoft, un asunto si foi visto con moito interese polos presentes, e foi a opinión sobre o DRM (sistema de protección dos dereitos de autor para ficheiros informáticos), posto que parece que cambiou radicalmente de postura, xa que agora considera que a tecnoloxía DRM non é viable, xa que existen moitas alternativas que non a incorporan (tanto legais coma ilegais).
Gates considerou que os sistemas de DRM son moi problemáticos e as únicas vítimas parecen ser os compradores lexítimos, que queren mercar os contidos audiovisuais de por vida, e poden perder as pezas mercadas simplemente por cambiar de reprodutor multimedia ou de ordenador, polo que dende Microsoft admiten que están a traballar en desenvolver sistemas máis flexibles que poidan axustarse ás demandas do usuario.
A frase máis lapidaria de Bill Gates foi sen dúbida cando dixo que “a xente debería mercar un CD e ripealo” posto que así a súa música dixital sería legal, e non terían que loitar coas limitacións dos sistemas DRM.

PUBLICIDADE