Bieito XVI estreará presenza oficial en Twitter o 12 de decembro

luns, 3 de decembro do 2012 Redacción

Esta mañá na Oficina de Prensa da Santa Sé celebrouse unha conferencia para explicar a presenza que terá o Papa en Twitter e achegar información adicional sobre o uso dos novos medios de comunicación que fará o Vaticano. No tocante a Twitter os responsables do Vaticano detallaron que o Santo Padre comezará a tuitear o vindeiro día 12, coincidindo coa súa audiencia xeral dos mércores (aínda que máis adiante poderían ser máis frecuentes) e responderá ás preguntas dirixidas ao Papa sobre cuestións relativas á vida da fe utilizando a etiqueta #askpontifex.
A conta oficial do Bieito XVI será @pontifex para mensaxes en inglés, contando tamén con versións en español (@pontifex_es), italiano (@pontifex_it), portugués (@pontifex_pt), alemán (@pontifex_de), polaco (@pontifex_pl), árabe (@pontifex_ar) e francés (@pontifex_fr), que xa suman milleiros de seareiros pese a que falta máis dunha semana para que inicien a súa actividade.
Esta iniciativa vaticana busca continuar os avance da Santa Sé na Internet para mellorar a difusión das ensinanzas da Igrexa e incluso para animar a institucións eclesiásticas e aos crentes para que presten atención á hora de elaborar un perfil axeitado de si mesmos e das súas conviccións no continente dixital.

PUBLICIDADE