Bieito XVI envía o seu primeiro tuit

mércores, 29 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá, a Oficina de Prensa do Vaticano inaugurou oficialmente a súa nova páxina web informativa News.va, no que poderán consultarse todas as novas que difunden os distintos medios da Santa Sé, como a propia oficina, o diario vaticano Osservatore Romano, a Radio Vaticana, a axencia Fides e o Vatican Information Service (VIS), e para anunciar esta estrea o papa Bieito XVI escribiu o seu primeiro tuit no que di: «queridos amigos, veño de lanzar News.va. ¡Bendito sexa o noso señor Xesucristo! Coas miñas bendicións e oracións, Bieito XVI».
Para este momento histórico, o Pontífice premeu un botón nun iPad que activou o novo espazo web e remitiu a devandita mensaxe en Twitter a través dunha conta que supera os 32.000 seguidores (pero dende a que non se segue a ninguén).
O espazo inaugurado hoxe con ocasión da celebración de San Pedro e San Pablo e da celebración do 60º aniversario da ordenación sacerdotal de Bieito XVI leva por lema The Vatican Today e tenderá unha ponte ás redes sociais, con accesos a Facebook e Twitter. Tamén servirá para seguir en directo as actividades do Papa, como o ángelus dos domingos ou as viaxes apostólicas. Tamén integrará os vídeos do Vaticano en YouTube e permitirá escoitar en directo as novas de Radio Vaticana.


Bieito XVI inaugurou a páxina web News.va

A posta en marcha de News.va activouse nun iPad polo propio Bieito XVI

PUBLICIDADE