Biden asina unha orde para regular a IA

martes, 31 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O presidente dos EE.UU., Joe Biden, vén de asinar unha Orde Executiva para un uso e desenvolvemento fiable e seguro da intelixencia artificial, recoñecendo así a importancia da revolución tecnolóxica da que estamos a ser testemuñas nos últimos anos, pero promovendo medidas para evitar abusos.
A Orde Executiva basicamente o que establece é que as empresas que se dediquen á IA teñan que notificar ás autoridades calquera avance que poida supor un risco grave para a seguridade nacional, económica ou para a saúde e a seguridade públicas, así como perfeccionar os mecanismos que reforcen a confianza nesta tecnoloxía.
Para avanzar nesta dirección crearase unha comisión de seguridade da IA, elaboraranse numerosos regulamentos sobre a materia e establecerá mecanismos para a supervisión dos avances na IA, ou sexa, que basicamente estamos ante os alicerces de posteriores normas e organismos que abordarán esta problemática, non chegando a afondar nas grandes preocupacións que hai sobre o uso da IA, o que claramente deberá explorarse en diferentes lexislacións moi elaboradas que non partan dun mecanismo de emerxencia.

PUBLICIDADE