Bertamiráns e Milladoiro acollerán obradoiros de empoderamento TIC para as mulleres
xoves, 26 de setembro do 2019
Bertamiráns
e Milladoiro (concello de Ames) van ser un fervedoiro de actividades
formativas TIC, máis polo miúdo as aulas de informática das Casas
da Cultura de cada unha das localidades. Trátase dun programa de
capacitación que terá, ademais, o engadido extra de poñer o foco
en incrementar a empregabilidade das mulleres. As
accións, catro obradoiros, virán da man da asociación Otro Tiempo,
baixo o título xenérico Manexa as novas tecnoloxías e a
comunicación para a túa autonomía.
Partindo
das ferramentas que facilitan as novas tecnoloxías, os obradoiros
buscan o impulso laboral das participantes mediante a posta en marcha
de estratexias para atopar emprego ou de desenvolvemento dos seus
propios emprendementos.
Segundo
informa o Concello de Ames, nos diferentes cursos traballarase con
dinámicas que axuden ao “empoderamento persoal para facilitar a
procura de emprego”. O principal obxectivo do programa é
contribuír ao impulso social e económico das mulleres en situación
de vulnerabilidade social, “para que participen plenamente na vida
social, económica e cultural”. Así, os obradoiros pretenden
“fomentar a redución da brecha dixital, facilitar o acceso das
mulleres ás novas tecnoloxías como ferramenta de inserción
socio-laboral, promover o autoemprego e construír alianzas e redes
solidarias para o intercambio de recursos socio-laborais”.
O
programa contempla a realización de catro obradoiros. O primeiro,
que leva por título Coñécete, valora as túas competencias,
servirá para que as mulleres participantes identifiquen as súas
capacidades, os medios e o camiño para “seren donas das súas
eleccións vitais”. Definiranse os obxectivos persoais e
profesionais e aprenderase a elaborar un currículo por competencias.
O
segundo dos obradoiros, Receitas dixitais para acadar os teus
obxectivos, buscará vencer as resistencias tecnolóxicas e a
usar diferentes ferramentas online para atopar traballo e/ou
poñer en marcha un plan de autoemprego: TIC imprescindíbeis, webs,
aplicacións móbiles e redes sociais, recursos de procura laboral,
como elaborar un currículo creativo, plataformas para dar a coñecer
un proxecto de autoemprego e estratexias para ampliar a rede de
contactos.
O
obradoiro Máis que palabras, aprópiate da comunicación
servirá para adestrar ás participantes en habilidades de
comunicación precisas para resolver conflitos, falar en público con
seguridade, encarar unha entrevista laboral ou contar un proxecto de
emprendemento.
Por
último, no obradoiro Iniciativas inspiradoras, proxectos
liderados por mulleres coñeceranse diferentes opcións para a
formación e a autonomía económica, afondando nas posibilidades que
ofrece a economía social e solidaria para a incorporación ao
mercado laboral con proxectos que dan prioridade ás necesidades das
persoas a posta en marcha de proxectos de emprendemento colectivo.