Bertamiráns acolle o 11 de xaneiro unha conferencia sobre ciberseguridade

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro mércores 11 de xaneiro unha charla sobre ciberseguridade e fraudes nas redes. Será ás 17:30 horas e dará continuidade á xeira divulgativa sobre a mesma temática celebrada en novembro na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro en dito municipio, cita que segundo lembra o Concello de Ames “logrou unha gran acollida entre a veciñanza”. Desta volta tamén está previsto clausurar (coa entrega de diploma a medio cento de veciñas e veciñas) os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño.
A conferencia está aberta a todos os públicos, e a entrada é de balde ata completar aforo.
A actividade vén da man do departamento de Cultura e desenvólvese de xeito paralelo aos cursos do segundo módulo de alfabetización dixital e aos que se imparten nas instalacións da aula AMTIC.
A charla abordará a manipulación e a desinformación na Rede, así como os principais fraudes asociados a isto: phishing (suplantacións de identidades co obxecto de conseguir diñeiro ou datos), compras en liña, anuncios vacacionais ou choios de segunda man.
O relator
O encargado de impartila será Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca. Álvarez tamén está habilitado como xefe e director de Seguridade polo Ministerio de Interior, e conta coa habilitación de Instrutor de Seguridade.
Tras colaborar durante dous anos para a Secretaría de Estado de Igualdade nun programa de investigación sobre homicidios no contexto da violencia de xénero, no ano 2018 comezou a traballar en SIA como consultor de ciberseguridade, onde obtivo as certificacións de Auditor Xefe de Sistemas de Xestión de Seguridade da Información e como Auditor Xefe en Continuidade de Negocio. Actualmente, é responsable de formación e concienciación en ciberseguridade de Govertis – TelefónicaTech.
Cursos de alfabetización dixital no rural
Como dixemos, minutos antes da conferencia clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural que se celebraron nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Nesta ocasión participaron arredor dunhas 50 persoas, que recibirán os seus diplomas de asistencia no acto que se celebrará na Casa da Cultura. Os cursos pretendían reforzar os coñecementos adquiridos polo alumnado na primeira parte da formación, que foi impartida o pasado ano. Ensináronse nocións sobre temas relacionados coa xestión de arquivos, a ofimática, o tratamento de imaxes, o correo electrónico, as redes sociais ou o uso de dispositivos móbiles.
Posteriormente, as persoas participantes en dito curso visitarán as instalacións da aula de informática de Bertamiráns (Aula CeMIT) para coñecela e seguir ampliando a súa formación informática nelas se así o desexan.

PUBLICIDADE