Bershka renova constatemente a súa tenda virtual en Second Life

luns, 28 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano a tenda galega Bershka estreou a súa réplica virtual no mundo de Second Life, e lonxe de fuxir deste contorno como moitas outras empresas, decidiron potencialo, e aseguran que a Illa Bershka conta cun público fiel, no que predominan mozas de entre 15 e 25 anos, que visten coas últimas tendencias da moda.
Os avatares dos visitantes á tenda virtual de Bershka poden vestirse con prendas da última colección, escoller roupa para ambos sexos, unha ampla gama de complementos, calzado variado... e mesmo realizar a súa compra pagando con dólares Linden, ou sexa, que a tenda virtual tamén vende produtos virtuais.
O establecemento de Bershka en Second Life está en constante renovación, de xeito que a roupa da cadea de roupa que conta con 541 establecementos en 35 países chega ao mesmo tempo ás tendas físicas que á electrónica.
Aparte da tenda, na Illa Bershka os visitantes tamén poden atopar un recinto para concertos (nos que se celebran festas e se conta con zonas chill outpara falar cos amigos, e tamén conta con espazos con material audiovisual nos que gozar de películas e música de Bershka.

PUBLICIDADE