Barro integra e pon en marcha os recursos de eAdministración da Deputación

martes, 21 de febreiro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra segue adiante colaborando cos Concellos que están a apostar por implantar o seu seo o sistema de eAdministración da entidade provincial. Un sistema que como sinalamos en Código Cero con motivo da súa presentación en novembro, é de balde e vai dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes (con libre decisión de adhesión, permanencia e saída), fornecéndoos cos medios precisos para que a cidadanía se poida relacionar coa administración local, plenamente, a través de medios telemáticos. Segundo informou hoxe a entidade que preside Carmela Silva, o proceso comezou o mes pasado para 14 concellos, dos 51 que se adheriron ao programa. Arestora a Deputación está a supervisar a integración e posta en marcha do sistema en Barro.
O deputado de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Javier Dios, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, puxeron hoxe en valor o proceso de implantación da Administración Electrónica na vila. O deputado provincial desprazouse até a localidade para coñecer de primeira man xunto co rexedor municipal os resultados deste servizo impulsado pola Deputación de Pontevedra o pasado mes de xaneiro. Amais de compartir impresións, fixeron saber que no caso concreto de Barro, a sede electrónica xa se atopa dispoñíbel a través da páxina web do Concello.
Segundo engadiron, Barro conta con todos os módulos dispoñíbeis no servizo, grazas aos cales o consistorio xa dispón das ferramentas precisas para o rexistro, dun xestor de expedientes ou da propia sede electrónica para a cidadanía, entre outros recursos.
O proceso de implantación da eAdministración comezou no consistorio a mediados do mes de xaneiro e rematou o pasado mércores, día 15 de febreiro, período durante o cal se realizou a formación ao persoal municipal por parte do persoal técnico da Deputación de Pontevedra.
Javier Dios sinalou que “este é un proxecto moi importante xa que un dos obxectivos deste Goberno provincial é converter a provincia de Pontevedra nun referente tecnolóxico”. Segundo fixo saber, a iniciativa “suporá unha mellora substancial da prestación de servizos dos nosos concellos á nosa cidadanía, que é en definitiva o máis importante”. Ao fío disto, o deputado provincial felicitou a Barro e ao seu alcalde por “formar un Goberno que entende a necesidade de adaptarse aos novos tempos, que non ve a Administración Electrónica como unha obriga estipulada na lei senón que a considera un recurso necesario neste século XXI tecnolóxico no que estamos a vivir”.
Tamén lembrou que o investimento que adica a institución provincial a este proxecto sitúase preto dos 850.000 euros e, ademais, “os Concellos pódense sumar cando o crean conveniente, sen ningún prazo límite e sen ningún tipo de compromiso”.

PUBLICIDADE