Barnes & Noble abandona o mercado británico de libros electrónicos

venres, 4 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Na presentación dos seus resultados para o terceiro trimestre fiscal de 2016 (que remata o 30 de xaneiro) dende Barnes & Noble deron conta de que a súa división de NOOK (libros electrónicos) rexistraron 51,7 millóns de dólares en vendas, o que supón unhas perdas netas de 11,2 millóns de dólares, o que curiosamente supón unha mellora con respecto ao ano anterior, mentres que as vendas en tendas mantéñense case planas, dando a impresión de que a venda de libros está nun punto crítico no que non conseguen crear pulo dabondo no contexto dixital, o que está a ter consecuencias directas que poderiamos considerar alarmantes, por dar a impresión de ir contra o futuro, pero as divisións con perdas non poden sosterse indefinidamente por moita proxección que poidan ter a longo prazo, de aí que anuncien que o vindeiro día 15 NOOK deixará de vender contidos dixitais en Reino Unido, de xeito que os dispositivos NOOK e a aplicación de lectura de NOOK para Android cesarán as súas operacións en Reino Unido.
O peche da tenda non supón a perda dos produtos adquiridos polos usuarios actuais, senón que Barnes & Noble pechou un acordo con Sainsbury’s Entertainment on Demand para que os usuarios poidan continuar a acceder aos libros que compraran na tenda de NOOK, sen custo adicional, ou sexa, que poderán migrar as súas contas de usuario dun servizo ao outro.
Aínda que Barnes & Noble non deu explicacións sobre o abandono do mercado británico de libros electrónicos, dá a impresión de que se trata simplemente da imposibilidade de competir con Amazon neste ámbito onde a tenda en liña ten unha posición de dominio case absoluto.

PUBLICIDADE