Baños de Molgas contará cun polo de emprendemento

martes, 5 de setembro do 2023 S. P.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou este martes 5 de setembro a creación dun novo polo de emprendemento e de apoio ao emprego en Baños de Molgas (Ourense), que “permitirá dinamizar a economía local e incrementar as oportunidades laborais na contorna”, dixo, no marco dun encontro con empresarios desta contorna ourensá, no que puxo en valor o seu potencial para “a creación de emprego rural, próximo e de calidade”.
Rivo remarcou o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e forestal en Baños de Molgas, terra rica en oportunidades, na que o novo polo de emprendemento suporá un “pulo importante”, afirmou.
Galicia está a tecer unha rede de polos de emprendemento para dar cobertura ao 100% do territorio, unha experiencia que iniciou o seu percorrido hai algo máis dun ano e que está a cumprir co seu triplo obxectivo: “Casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da nosa comunidade; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio”.
O de Baños de Molgas ampliará a rede de polos da provincia ourensá, tras a posta en marcha de dous no Carballiño e en Verín e a próxima inauguración dun terceiro no Barco de Valdeorras.
Os polos ofrecen acompañamento continuado para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que pasan os seus proxectos, favorecendo a transformación tecnolóxica das súas iniciativas de mercado. O obxectivo é “converter os polos en centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado”.
Ata a actualidade, a rede de polos xa realizou 1.500 titorías para sacar adiante as iniciativas duns 500 emprendedores.

PUBLICIDADE