Balidea xa forma parte do Clúster TEIC de Euskadi

luns, 6 de marzo do 2017 Redacción

A empresa galega Balidea vén de comunicar a súa integración en GAIA, a Asociación de Industrias das Tecnoloxías Electrónicas e da Información de Euskadi. Máis polo miúdo, a firma con sede principal en Santiago, centrada no desenvolvemento avanzado de recursos TIC, formará parte do comité de traballo de Sistemas da Información de GAIA, e farao a través da súa sede de Bilbao. A finalidade será impulsar o traballo cooperativo entre empresas e pór en marcha, conxuntamente, proxectos de innovación ou estratexias de chegada a novos mercados.
Balidea, ao abeiro da actividade xerada polo Clúster TEIC de Euskadi, xa formou parte activa da presentación do Plan Estratéxico GAIA 2017-2020. Este roteiro, informa a compañía de Santiago, abrangue medidas concretas para os tres sectores comprendidos en GAIA, electrónica, informática e telecomunicacións, e videoxogos. Así mesmo, o plan contén a actuación de GAIA como “organización facilitadora”, definindo os seus desafíos e liñas de evolución. Estes desafíos son tres fundamentalmente: a especialización intelixente, multiplicar a dimensión e a internacionalización. Para estas tres áreas a plataforma fixa obxectivos concretos como un aumento do 20% en I+D, do 25% en creación de emprego, do 30% en facturación ou do 35% nas exportacións.
“Coa nosa presenza no Clúster TEIC do País Vasco”, sinala Balidea, “reforzamos a nosa aposta pola evolución tecnolóxica e o desenvolvemento de coñecemento nas novas tecnoloxías en Euskadi”.
GAIA, a un nivel máis concreto, é a Asociación de Industrias das Tecnoloxías Electrónicas e da Información do País Vasco, entidade sen ánimo de lucro, de carácter privado e profesional, creada en 1983, composta na actualidade por máis de 240 empresas que ofrecen produtos e servizos no ámbito electrónico, informático e das telecomunicacións. A súa misión é impulsar o medre do sector, que xera o 5% do PIB vasco e máis de 11.000 empregos directos.

PUBLICIDADE