Balidea mostrará no Fórum RIES os seus múltiples e variados fitos en eSaúde

martes, 9 de novembro do 2021 S. P.

A empresa tecnolóxica Balidea vai fortalecer este ano a súa implicación no Fórum RIES 2021, que chega á súa sexta edición impulsado polo Clúster Saúde de Galicia (CSG) e que se celebra esta mesma semana os días 10 e 11 de novembro, poñendo o foco nos desafíos internacionais (boa parte deles tecnolóxicos) que ten que afrontar o ámbito sanitario e dos coidados. Balidea, como membro activo da comunidade CSG participou en diferentes edicións, pero desta volta deu o chimpo ao comité de organización.
Segundo explican fontes da empresa tecnolóxica con sede principal en Santiago, o motivo principal deste salto é “porque levamos case vinte anos axudando aos nosos clientes a dixitalizar os seus procesos, sobre todo no ámbito sociosanitario”. Entre eses clientes figuran o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), o servizo de Saúde da Xunta de Castela e León (SACYL), o Servizo Cántabro de Saúde (SCS), o Servizo Aragonés de Saúde ou o Servizo Andaluz de Saúde. Este traballo con todas estas administracións serviu a Balidea para amorear “un gran coñecemento que nos converteu nunha empresa de referencia en saúde pública e eHealth”.
Respecto dos detalles específicos desta experiencia, a empresa tecnolóxica galega salienta que no ámbito do SERGAS colabora en tres frontes: a comunicación coa cidadanía a través do seu portal web; cos seus profesionais a través da súa intranet ou a plataforma Sixprof (que permite implantar un modelo de xestión de profesionais en base a competencias); e a comunicación cos pacientes a través de SERGAS Móbil, o colector de aplicacións para o acceso a servizos da entidade sanitaria autonómica.
Balidea tamén participa noutras iniciativas que lle permitiron optimizar procesos do ámbito clínico relacionados coa xestión das urxencias hospitalarias (SIGUR), a implantación do vídeo-consultas (CETIR), o guiado en interiores de edificios (SEGUE), a xestión intelixente de citas de especialidades (TICARES) ou a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca (Smart Cardia).
No ámbito da transformación dixital, a empresa destaca os importantes logros de M-Saúde (plataforma de homologación de aplicacións e contidos para a autoxestión da enfermidade e empoderamento de pacientes baseada en tecnoloxía de cadea de bloques), e no eido da asistencia a compañía salienta as contribucións de Prebencar (asistente virtual para a prevención e o benestar cardiovascular) e Smart Cardia (plataforma de soporte ao proceso de rehabilitación cardíaca). No plano dos coidados, ten especial relevancia NETA V3A (asistente virtual por voz para o envellecemento activo, con Intelixencia Artificial incorporada e capacidade para entender e falar galego e castelán).

PUBLICIDADE