Balidea impulsa unha proposta para xestionar o tráfico con Intelixencia Artificial

martes, 24 de decembro do 2019 Redacción

A mobilidade sustentábel e segura é un dos grandes desafíos que teñen por diante as administracións. A convivencia de coches, buses, taxis, peóns, repartidores en bicicleta, patinetes eléctricos ou segways non é doada. Se a isto lle sumamos horas puntas como a saída dos colexios, condicións meteorolóxicas adversas, obras na vía ou outras circunstancias puntuais a cousa complícase. A empresa galega do sector TIC Balidea xunto con FISEGVI, centrada na seguridade viaria, propoñen unha solución para manexar todas estas variábeis con Intelixencia... Artificial.
Propoñen Traffic On Cloud, un sistema con capacidade para captar e analizar imaxes de vídeo en tempo real e proporcionar información moi valiosa sobre todos eses factores que inflúen no tráfico: fluxos, traxectorias, tipos de vehículos, incidencias ou inclemencias. A ferramenta está baseada no uso de técnicas de Visión e Intelixencia Artificiais para realizar unha análise avanzada da situación que permita facilitar e axilizar a toma de decisións.
“Hoxe en día a xestión e estudo da mobilidade presentan continuos desafíos derivados das novas formas e modos de desprazamento, sobre todo no ámbito urbano, que ademais requiren respostas rápidas”, explica Álvaro Louro, CEO de FISEGVI. Establecer regulacións e contornas seguras nas que poidan convivir todos as maneiras de desprazarse require, segundo os impulsores do proxecto, de “análises de datos tamén áxiles, fiábeis e non intrusivas”.
Na procura dunha mobilidade eficiente
Aproximándose ao concreto, que tipo de información achegaría Traffic On Cloud? “Permite contar e clasificar o tráfico e, a partir de aí, por exemplo, detectar vehículos prohibidos nunha zona determinada, como vehículos pesados en determinadas zonas urbanas”, relata Ismael Menéndez, coordinador do proxecto en Balidea. Así mesmo, pode detectar vehículos mal aparcados, identificar vehículos sospeitosos ou buscados polas forzas de seguridade ou clasificar o tráfico.
Pero, como contribúe a ferramenta a ordenar o tráfico? Os responsábeis de Balidea e FISEGVI cóntano deste xeito: “Se sabes a intensidade, os fluxos e as traxectorias do tráfico nunha zona determinada, como poden ser as entradas e saídas dunha localidade, podes tomar as medidas para desvialo por vías alternativas”.
Pola súa banda, o experto en Intelixencia Artificial de Balidea, José Luis Prado, explica como se fai todo isto. “A detección de obxectos ou vehículos e a súa clasificación baséase en técnicas de Visión Artificial (VA) complementadas con tecnoloxías avanzadas no eido da Intelixencia Artificial (IA), que permiten a determinación efectiva dos mesmos en diferentes condicións: día, noite, chuvia ou condicións atmosféricas adversas dentro duns límites ou tolerancias”. Segundo este experto, a VA realiza unha análise das imaxes e a IA encárgase de xerar unha predición, “permitindo distinguir diferentes obxectos na escena de observación cun grao de acerto óptimo”.
O sistema podería enviar alertas aos responsábeis da xestión da vía, aos servizos de seguridade e emerxencias ou mesmo a persoas usuarias condutoras que dispuxesen da app. Deste xeito, sería sinxelo avisar, por exemplo, dun atasco, de velocidade reducida ou dun accidente.
“Xa sexa co obxectivo de posibilitar a xestión en tempo real ou de planificar desenvolvementos urbanísticos e políticas de mobilidade, a ferramenta proporciónalles aos xestores a información que necesitan para a toma de decisións e a adopción de medidas concretas”, completa Álvaro Louro.
Unha solución polivalente e económica
Os seus creadores subliñan que este sistema ten moitas vantaxes a nivel de usabilidade, fronte a outros utilizados actualmente para cubrir algunha das necesidades que abrangue a solución. “Por exemplo, a contaxe de vehículos con espiras require máis recursos tanto para a súa implantación como para a análise e interpretación dos datos”, comenta Ismael Menéndez. Aseguran que as funcionalidades avanzadas, como a análise de fluxos e traxectorias, só alcanzan un alto grao de exactitude con ferramentas de análise de imaxes como Traffic On Cloud.
“A gran vantaxe da solución é a súa polivalencia”, afonda o seu compañeiro de FISEGVI, quen indica que “se pode adaptar facilmente ás necesidades da clientela, e ten aplicación tanto no tráfico urbano coma no interurbano e, ademais, é compatíbel con sistemas de visualización de tráfico xa existentes”.
Validación en contornas reais
Traffic On Cloud está constituído por un equipo portátil de fácil instalación nas vías públicas e unha plataforma cloud que ofrece unha aplicación de usuario con accesibilidade vía web. É o resultado dun proxecto de I+D+i máis amplo, certificado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en xuño deste ano.
O proxecto atópase agora en fase precomercial, realizando as últimas validacións e axustes. Xa se testou en contornas controladas e agora estanse realizando proxectos piloto con potenciais clientes finais, principalmente en concellos. “Para nós é moi importante agora validalo en contornas e usos reais, coa colaboración de potenciais clientes que nos acheguen a súa avaliación e recomendacións especializadas”, conclúe Ismael Menéndez.

PUBLICIDADE