Balidea desenvolve a plataforma Green AI para o Programa Nacional de Algoritmos Verdes

luns, 4 de marzo do 2024 S. P.

A empresa tecnolóxica Balidea, con sede principal en Santiago de Compostela, está a levar a cabo o deseño e desenvolvemento do software para a construción da plataforma Green AI, un proxecto crave dentro do Programa Nacional de Algoritmos Verdes (PNAV) do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que dará cobertura a todas as súas actividades.
O Programa Nacional de Algoritmos Verdes (PNAV) é unha das medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e encádrase na Estratexia Nacional de Intelixencia artificial (ENIA). Conta cun investimento de 257,7 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation EU para o desenvolvemento dunha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente e aplicada ao desenvolvemento de accións contra o cambio climático.
Despregarase antes do 2025 e ten tres obxectivos fundamentais: impulsar unha Intelixencia Artificial (IA) máis respectuosa e responsábel co medio natural que incorpore variábeis de sustentabilidade ambiental desde a súa concepción e desenvolvemento; integrar a IA nas cadeas de valor para transformar o tecido económico; e favorecer a transición ecolóxica e a redución da pegada de carbono.
O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública definiu catro grandes proxectos aliñados entre si, co obxectivo fundamental de “ofrecer os servizos de apoio necesarios para o desenvolvemento do PNAV”. A empresa Balidea logrou liderar o primeiro deles, consistente no Deseño e desenvolvemento do software para a construción da plataforma Green AI, un espazo web dirixido principalmente a emprendedores, profesionais da Intelixencia Artificial e outras disciplinas e investigadores, que dará cobertura a todas as actividades relacionadas co PNAV.
A plataforma incluirá os seguintes grandes bloques:
-Un portal Web accesible e de gran usabilidade que ofreza información relevante e de calidade ao público obxectivo, así como unha visión agregada o máis completa e contextualizada posíbel das distintas iniciativas do PNAV.
-Un asistente conversacional que permita a procura de contidos dentro do portal e a navegación áxil e intuitiva polos mesmos.
-Un conxunto de ferramentas de cadro de mando con indicadores de interese respecto ao desenvolvemento do PNAV.
-Unha solución flexíbel que permita a publicación e xestión de contidos por parte de usuarios sen coñecementos tecnolóxicos.
-Un sistema de publicación de datos abertos de máxima calidade que formen parte dos desafíos Green AI, ademais do enlazado de exemplos de algoritmos IA medio-ambientalmente sostíbeis, que dean solución a retos Green AI e sirvan como exemplo para a comunidade de desenvolvedores.

PUBLICIDADE