Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova estrean ferramenta para avanzar en saneamento e transparencia

mércores, 21 de decembro do 2016 Redacción

A sede da Deputación de Pontevedra acolleu onte, con demostración práctica incluída, a presentación oficial da ferramenta informática para a xestión integrada dos saneamentos municipais, falamos de SANePLAN, un proxecto en cuxo desenvolvemento participa a dita institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a empresa italiana Physis SRL. Segundo se fixo saber no acto, o alicerce da aplicación é facer máis doadas as xestións e as decisións políticas e técnicas relativas ao saneamento. Tamén se recordou que a través de SANePLAN será posíbel facer cousas como xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custos e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede ou simular escenarios futuros. O acto foi presidido polo deputado provincial Carlos López Font e dirixiuse a achegar información e recursos sobre SANePLAN ao persoal técnico dos concellos e das empresas dos ámbitos da auga e o medio.
SANePLAN, segundo engadiu López font, estreouse xa nos catro concellos orixinalmente participantes no proxecto: Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa. Nestas vilas analizáronse máis de 425 quilómetros de rede de saneamento co fin de levar a cabo sesións específicas de formación sobre o funcionamento da ferramenta cos técnicos e técnicas destes municipios. Durante a presentación tamén se fixo unha demostración práctica do funcionamento da nova ferramenta informática para a xestión integrada do saneamento municipal. “A aplicación”, lembrouse, “responde a aspectos clave que facilitan a toma de decisións políticas e técnicas sobre estas cuestións, desde as redes de saneamento, abastecemento ou de pluviais ata as propias estacións de depuración”. Igualmente, engadiuse que tamén son obxectivos de SANePLAN (entre outros) “a redución da presión sobre as masas de auga, o desenvolvemento de sistemas de goberno transparentes en relación á información medioambiental, así como para adaptar o cambio climático e a racionalización dos custos de xestión do saneamento, facilitando a súa dirección e operación mancomunada”.
SANePLAN é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostíbel do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. En concreto, a través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración.

PUBLICIDADE