BUGalicia fortalece a súa achega de recursos de información científica en liña

luns, 3 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGalicia) vén de recibir novos azos para pór a disposición da comunidade investigadora e docente galega (profesores e estudantes), vía as redes, a maior cantidade posíbel de recursos de información científica de interese para a súa formación e para o desenvolvemento dos seus traballos. O pulo recibido, materializado nun 3,5% máis de orzamento (con respecto ao do ano pasado), é posíbel grazas a un convenio asinado coa Consellería de Cultura e Educación.
O acordo foi presentado por Ricardo Cao, presidente do Consorcio, e polo conselleiro Xesús Vázquez Abad. Segundo informaron, o departamento da Xunta achegará máis de 1,5 millóns de euros a esta entidade, co obxecto de facilitar aos investigadores, docentes e estudantes o acceso ao devandito material bibliográfico-dixital. Deste xeito, e como dixemos máis arriba, BUGalicia disporá dun 3,5% máis de orzamento có pasado ano para levar a cabo este labor. Os recursos son do máis variado, en temática e tamén en formatos: bases de datos, libros electrónicos, revistas dixitais, etc. Segundo informa BUGalicia, este material resulta “básico para o desenvolvemento do traballo científico e docente galego”. A axuda en cuestión destinarase a cubrir orzamentariamente o custo dos devanditos recursos, así como do soporte ás novas tecnoloxías nos servizos bibliotecarios.

info portfolio

PUBLICIDADE