BSkyB merca Amstrad por 125 millóns de libras

mércores, 1 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Sir Alan Sugar xunto a un Amstrad CPC 464 en 1984

Sir Alan Sugar, fundador de Amstrad, unha das empresas que máis fixo pola informática doméstica nos anos 80, vendeu a súa empresa (actualmente dedicada á fabricación de receptores de televisión por satélite) a BSkyB por 125 millóns de libras (185 millóns de euros) co que remata a aventura empresarial deste popular emprendedor que ós seus 60 anos se converteu en todo un exemplo no xeito de adaptarse ó mercado reconvertendo a súa empresa de xeito profundo en distintas ocasións.
En 1968, e con 21 anos de idade, Sugar creou Amstrad (nome que vén de Alan Michal Sugar TRADing), empresa que fabricaba tocadiscos e antenas baratas, aínda que destacou cando entrou no sector da informática co seu CPC 464 en 1984, que se vendía por 400 libras e foi todo un éxito por achegar un ordenador ós fogares a un prezo 5 veces inferior ós IBM PC (cos que tamén competiu co seu PCW e outros modelos de CPC coma o 664 e o 6128). Máis adiante tamén comercializaría os Spectrum de Sinclair cos que tamén acadou unhas vendas elevadísimas en 1987 e 1988. Amstrad incluso entrou na fabricación de ordenadores PC (cun éxito efémero desta volta).
Na actualidade Amstrad estaba a dedicarse principalmente á fabricación de receptores de satélite para BSkyB (filial de News Corp) polo que a operación de compra efectuada por esta última podería servir para desenvolver novos produtos, descoñecéndose se os levará a deixar de empregar receptores doutros fabricantes coma Pace e Thomson.

PUBLICIDADE