BSA denuncia a unha empresa da Coruña por presunto uso de software ilegal

martes, 22 de novembro do 2011 Raquel Noya

Oficina de Arqo en Boiro

O comité español da Business Software Alliance (BSA), entidade dedicada a defender e velar polo bo desenvolvemento da industria do software en 80 países, vén de dar conta dunha investigación efectuada nunha empresa do sector da arquitectura da Coruña, onde presuntamente se empregaba software ilegal para a actividade diaria.
Trátase da firma Arqo Arquitectura e Urbanismo, da que rexistraron 3 sedes na provincia da Coruña o pasado 4 de novembro e onde se detectou a presenza e uso de software ilegal en 28 ordenadores; un software que no mercado tería un valor de entre 200.000 e 250.000 euros, “a falta do informe pericial definitivo”, indican.
Dende BSA informan de que “o índice de software ilegal en Galicia situouse en 2009 no 41%”, dous puntos menos que no último estudo por rexións do IDC en España, presentado no ano 2007 e tamén dous puntos menos que a media estatal actual, situada no 43%.
Segundo informou o portavoz do Comité Español de BSA, Luis Frutos, esta acción legal levada a cabo na Coruña, “pon de manifesto as graves consecuencias que pode ter para unha compañía o uso de software ilegal”, pois non só se expón agora a riscos económicos e legais, senón a outros como fallos nos seus sistemas informáticos ou o deterioro da imaxe pública da empresa, “que pode chegar a afectar á propia supervivencia da mesma”, augura Frutos.
O valor comercial do software legal instalado en Galicia foi no 2009 de 56 millóns de euros, os cales ascenderían aos 95 millóns de non ter sido pola ampla base de software ilegal rexistrado tanto por empresas como por particulares.

PUBLICIDADE