BIC Galicia forma en Ferrol aos emprendedores no uso eficiente das TIC

martes, 25 de outubro do 2011 Redacción

A Consellería de Economía e Industria promove en Ferrol, a través da sociedade BIC Galicia, o taller Emprendedor 2.0, que desenvolverase mañá mércores a partir das 16 horas na sede da UNED, e que ten como obxectivo principal o de actualizar os coñecementos dos emprendedores e dos empresarios para que poidan aproveitar ao máximo as posibilidades que achega a nova forma de usar as tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC).
BIC Galicia, en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e a Fundación CEL de Lugo ofrecerá tamén este taller, de 4 horas de duración, na Coruña o vindeiro día 7 de novembro e en Lugo o día 16.
Esta nova acción formativa especializada de BIC Galicia quere dar a coñecer, tanto a emprendedores como a futuros empresarios, o novo escenario xurdido a partir das transformacións permanentes das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).
Os talleres están deseñados co obxectivo de aproximar e introducir aos asistentes ao novo entorno denominado web 2.0, que ofrece novas formas de acceso á información e que está a transformar a comunicación entre as empresas e os seus clientes, mediante o uso de aplicacións tecnolóxicas que permiten a colaboración dos usuarios.
Os asistentes a estes encontros coñecerán distintas ferramentas de traballo 2.0 que son de especial utilidade para a xestión empresarial, así como aspectos básicos da web social, ou accións de marketing 2.0, orientado a un novo contexto onde a comunicación require establecer conversacións e escoitar os potenciais clientes. Os participantes tamén terán a oportunidade de coñecer as técnicas de posicionamento básicas.
Paralelamente, BIC Galicia está elaborando o manual Empresa 2.0, no que se recollerán os cambios e oportunidades que internet e a web 2.0 están creado no mundo empresarial. Este libro formará parte da colección Manuais prácticos de xestión.
Estes manuais incorporan propostas prácticas para o funcionamento dunha empresa; ofrecen a emprendedores e empresarios as pautas necesarias para analizar a xestión empresarial en aspectos claves como: marketing, internacionalización, innovación, novas tecnoloxías, etc.

PUBLICIDADE