BBVA achega os negocios smart aos comercios coa ferramenta Commerce360

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

A entidade bancaria BBVA, a través da división BBVA Data & Analytics, vén de presentar unha ferramenta tecnolóxica para a análise e o procesamento da información inxente (o que se coñece como Big Data) e contribuír con todo tipo de respostas ao desenvolvemento das pequenas e as medianas empresas. A ferramenta, que non é nova (a entidade leva dous anos traballando con ela nun lanzamento parcial con clientes de Andalucía), chega agora a todos os clientes do ámbito estatal que teñan contratado un TPV. Commerce360, que é como se coñece este servizo, xera información estatística e agregada sobre o negocio do comercio e da nosa contorna máis próxima.
“Co lanzamento desta ferramenta web”, sinalan fontes do BBVA, “dispoñemos agora da oferta máis completa de solucións para os nosos clientes, xa que ofrecemos aplicacións que facilitan as súas xestións diarias (smartpay, bono TPV, etc.) e, á vez, poñemos ao seu alcance os instrumentos necesarios para facer medrar o seu negocio”.
O novo servizo, moi acaído para comercios, achega funcionalidades como a de converter os datos anónimos e agregados de compras de clientes con cartóns de BBVA en terminais físicos en información útil para os negocios. “A través desta aplicación”, engade a entidade, “os comerciantes poderán consultar diversos indicadores estatísticos que describen a actividade económica do seu comercio e cliente, así como da zona na que opera”. Con estes datos, a maiores, os usuarios terán “a posibilidade de deseñar plans que incrementen a rendibilidade dos seus negocios e estratexias de mercadotecnia”. O gran obxectivo de Commerce360 é poñer a intelixencia nos negocios (o chamado business intelligence avanzado) a disposición de todos os comercios.

PUBLICIDADE