Axe mantén na Rede un xogo no que convida a bater nas mulleres

martes, 14 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Que ninguén se leve a engano: a polémica é hoxe en día unha estratexia comercial de primeira orde. O feito, que en si mesmo non tería porqué ser negativo (sempre e cando o que se cree sexa un ambiente san de debate), pode chegar a ser especialmente grave cando se banalizan cuestións que merecen máis respecto, sentido común e intelixencia. Estes tres ingredientes, xuntos e por separado, son precisamente os que lle faltan á nova campaña promocional en liña da empresa Axe (propiedade de Unilever) e a súa ampla gama de produtos para a hixiene e o coidado persoal. Pois ben: os esforzos que a firma pon en sacar ao mercado artigos para que os homes do século XXI estean teoricamente máis atrativos (?) son proporcionais de xeito inverso á sutileza e calidade do seu labor de marketing De feito, case se podería dicir que as promocións que Unilever tira da súa manga invalidan calquera rastro de suposta calidade nos seus produtos. Con todo, a intención da compañía ao presentar un xogo virtual que consiste en bater nas mulleres seguro que era outro: o que quere é que se fale de novo da marca, aínda a costa de quedar perante o mundo enteiro como unha empresa-lixo para clientes-lixo. Para quen queira ver até que punto chegan as compañías de hoxe en día con tal de venderse, aquí vai a ligazón á súa nova proposta comercial.
Por certo que como era de agardar, as protestas estanse a ouvir a base de ben. Como por exemplo a das tres deputadas arxentinas que presentarán esta semana unha denuncia penal contra a compañía anglo-holandesa pola dita promoción ao considerar que esta viola a Lei de Protección Integral das Mulleres contra a Violencia de Xénero. Por certo que a campaña de Axe, chamada Cazadores por instinto (o se nome indica ben ás claras cara a quen se dirixe), constitúe precisamente iso: un chamamento de tipo conservador para preservar, unha vez máis, valores que non merecen nin o máis mínimo esforzo para seren conservados. O xogo, que está ambientado nunha era prehistórica onde os homes son os cazadores e as mulleres as presas, consiste en obter puntuacións a través dunha habilidade sutil coma poucas: bater cun pau na meirande cantidade de mulleres posible en 50 segudos.
Por certo que a nova sobre esta polémica aparece estes días reflectida en Chuza!

PUBLICIDADE