Avanza a Lei que contribuirá á modernización do sistema bibliotecario galego

xoves, 24 de novembro do 2011 Redacción

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o anteproxecto da Lei de bibliotecas de Galicia, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, que servirá para modernizar e potenciar o sistema bibliotecario galego. Os cambios e a evolución das bibliotecas públicas galegas fan necesaria a elaboración dunha lei que os regule e impulse o sistema bibliotecario galego adaptándoo á nova realidade e aos cambios sufridos desde a aprobación da actual normativa en 1989.
Esta lei incorpora e adáptase a aspectos tan esenciais como a transferencia da xestión das bibliotecas públicas do Estado e a súa integración no sistema bibliotecario galego; a creación e o desenvolvemento de novas bibliotecas nos concellos; inclúe a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, definido no desenvolvemento normativo posterior á lei; a creación da Biblioteca de Galicia, co seu papel de institución central do sistema galego de bibliotecas; a necesidade de mellorar os mecanismos de protección e difusión do patrimonio bibliográfico galego e a expansión das novas tecnoloxías de acceso á información e documentación, das cales nacen as denominadas bibliotecas dixitais.
A democratización do acceso á información e a posibilidade dos novos medios de almacenamento, tratamento e transmisión de datos ofrecen unha oportunidade única de achegar aínda máis os fondos e os servizo bibliotecarios a todos os cidadáns. Deste xeito, a lei adopta as previsións básicas para adaptar a xestión das bibliotecas públicas galegas ao contexto dixital. Trátase de facilitar o acceso á información e ao coñecemento dos cidadáns mediante tres accións: a accesibilidade á rede, como condición previa para maximizar os beneficios de que cidadáns, investigadores e empresas podan acceder á información; a dixitalización das coleccións para o seu uso xeneralizado; e a preservación desas coleccións, que garanta ás futuras xeracións o acceso a este material e evite a súa posible perda.
A biblioteca dixital é unha colección estruturada e organizada de documentos dixitais que permite o acceso desde calquera lugar do mundo e en calquera momento aos seus usuarios. Este novo sistema contribúe á universalización do coñecemento, promove a accesibilidade en liña dos recursos á cidadanía, facilita a dixitalización de coleccións analóxicas para ampliar o seu uso na sociedade da información e facilita a preservación e almacenamento dos contidos. A conexión a través de redes de comunicación de alta capacidade entre as bibliotecas, e entre estas e os usuarios, fará posible compartir recursos e o desenvolvemento de novos servizos como os catálogos en liña, consultar préstamos ou reservar documentos.

PUBLICIDADE