Avalían en Vigo os últimos avances en tradutores e sistemas de recoñecemento de voz

xoves, 11 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Malia que moitos de nós relacionemos as redes coa comunicación escrita que se achega pola vía do teclado, o certo é que as posibilidades non rematan nin moito menos aí. De feito, xa hai anos que se están a dar importantes avances en materia de servizos de voz que irían alén dunha simple conversión de cousas faladas a cousas escritas, albiscándose xa a posibilidade de empregar as redes e todo tipo de equipos e trebellos pola dita vía. O potencial da voz é amplo (non só para persoas con diversas capacidades de movemento ou visión), como tamén son amplos os ámbitos de desenvolvemento e negocio que lle achega ás nosas empresas. Precisamente, botar luz sobre todo isto é o gran obxectivo do congreso Fala 2010 que se celebra en estes días en Vigo e que reúne a arredor de 120 científicos e especialistas nestas tecnoloxías.
O evento está organizado polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade, GTM, a Rede Temática en Tecnoloxía da Fala e o Isca, Special Interest Group on Iberian Languages (SIG-IL). A idea é contribuír a que reparemos na importancia dos tradutores automáticos e de recoñecemento de voz, algo co que xa convivimos dende hai tempo, sendo as nosas conversas cos operadores robóticos das empresas telefónicas un exemplo disto.
O congreso vigués, que reúne a enxeñeiros e lingüísticas afeitos a traballar de xeito conxunto, servirá para presentar os últimos traballos realizados polos investigadores do grupo en recoñecemento de fala, síntese de voz e tradución automática. O programa, no que participan 48 relatores, inclúe tres relatorios de persoas de renome internacional que tratarán temas de actualidade neste eido, subliñan dende a organización, facendo referencia á presenza no congreso de Heiga Zen, “un dos pais dos convertedores do texto en fala”; Alex Acero, director do Laboratorio de Tecnoloxías da Fala de Microsoft Research, e Bill Byrne, da Universidade de Cambridge, “un investigador que está traballando en proxectos de moi alto nivel sobre tradución automática da linguaxe”.
Ao abeiro do congreso presentaranse tamén os resultados do proceso de avaliación Albayzín’10, unha competición establecida ao fío do congreso entre os diferentes laboratorios co obxectivo de avaliar as diferentes técnicas e favorecer a colaboración entre grupos en catro temas fundamentais: síntese de fala, segmentación de audio, recoñecemento da linguaxe e diarización, identificación da persoa que fala. Asemade, o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade, que leva 15 anos traballando dende a nosa terra a prol da plena inclusión da nosa lingua no universo dixital, aproveitará esta cita para reivindicar un meirande apoio institucional para a tecnoloxía de fala en galego. “Por suposto traballamos en castelán e en inglés pero para nós é fundamental acadar que exista tecnoloxía da fala en galego”, subliña o Grupo, que se laia da falta de apoio institucional a esta cuestión, “algo que non pasa noutras comunidades con idioma propio como Cataluña ou o Euskadi”, manifesta, ao tempo que explica que sen o apoio económico do goberno autonómico é moi difícil levar a cabo a recollida de recursos lingüísticos en galego cos que poidan traballar os laboratorios.
Exemplos claros desta falla de apoio institucional a estas tecnoloxías son, a xuízo do equipo de investigación, que a TVG non conte con ferramentas de subtitulado automático ao galego, ao igual cas súas homólogas catalás e vascas, ou que moitas das centraliñas telefónicas que prestan servizos na nosa terra atendan só en castelán.

PUBLICIDADE