Autorizan a sinatura da addenda 2009 ao convenio entre Industria e a Xunta no ámbito do Plan Avanza

xoves, 27 de agosto do 2009 Redacción

O Consello da Xunta vén de aprobar unha addenda para o desenvolvemento dos distintos programas propostos no ámbito do Plan Avanza, que se executa a través dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. O financiamento correspondente a Galicia para o ano 2009 conta cunha achega da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información de 1.008.055 e outra de 672.037 euros por parte da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Os programas propostos no ámbito do Plan Avanza buscan a promoción de accións que impulsen na Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación e implicación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información dado o seu carácter de factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico.
O Plan Avanza, que nesta segunda metade de existencia recibe o nome de Avanza2, estrutúrase a través de tres eixes principais de actuación: Cidadanía Dixital, Administración Electrónica e a Pequena e Mediana Empresa (PEME) Dixital, onde terá como reto non só a dinamización da oferta, senón fundamentalmente, o fomento da demanda e o impulso do sector económico para a consolidación dunha industria TIC especializada en sectores estratéxicos, sempre envorcado na PEME, na que se centran a maior parte dos esforzos.
O convenio responde ao mandato que a Comisión Europea realiza nos Estados Membros no seu Plan 2010 Unha Sociedade da Información para o crecemento e a ocupación, para que elaboren antes de final de ano os programas de reformas nacionais definindo as súas prioridades para construír unha sociedade da información en liña coas orientacións adoptadas para a Comisión Europea.

Cidadanía Dixital

As liñas de actuacións do Plan Avanza2 van dirixidas á formación, promoción e difusión da sociedade da información en Galicia. En primeiro lugar, á incorporación de banda larga en novos fogares, especialmente no mundo rural, para o cal se ten posto en marcha un plan de banda langa en zonas rurais e illadas (PEBL ou Programa de Extensión da Banda Larga).
No tocante a infraestruturas TIC, o convenio terá en conta as persoas con necesidades especiais, que disporán de máis infraestruturas de acceso público e gratuíto á internet, co fin de equiparar todos os cidadáns no seu acceso á rede.
Tamén nos centros para persoas en situación de dependencia, se pretende a incorporación de solucións tecnolóxicas que favorezan a vida independente destas persoas.

Administración Electrónica

Avanza2 contará con actuacións dirixidas a mellorar a interacción dos servizos públicos cos cidadáns a través da incorporación das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), co fin de mellorar os servizos públicos preferentemente nos seguintes aspectos: comercio electrónico, teleasistencia, servizos relacionados coa cultura, turismo e lecer e, servizos orientados a favorecer a accesibilidade de colectivos con necesidades especiais.

PEME Dixital

O Plan Avanza en Galicia proporcionará asesoramento personalizado á PEME no uso das TIC para a mellora dos seus procesos empresariais, mediante a elaboración de diagnósticos e plans de mellora. Por último, engadiranse esforzos para a xeneralización do uso da factura electrónica, ferramenta de alta utilidade para reducir custos e aumentar a produtividade. A factura electrónica e os procedementos telemáticos serán especialmente potenciados nas relacións das pemes coas administracións públicas.

Axudas

Poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas. O obxectivo é a organización de eventos neste ámbito, tales coma xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas cos servizos de telecomunicación e a sociedade da información en xeral.
O plan busca tamén o desenvolvemento dos contidos dixitais e de produtos e servizos TIC, orientados á construción da denominada internet do Futuro e a implantación das infraestruturas para lograr a transición á Televisión Dixital Terrestre (TDT), entre outros.
Mediante estas axudas tamén se buscan novos proxectos tractores do uso da sociedade da información entre a cidadanía galega, así como favorecer o acceso da cidadanía á rede mediante o incremento de contidos especialmente relacionados coa lingua e a cultura propia de Galicia, reforzando a produción de contidos dixitais de calidade e fomentando a creatividade e a innovación.
Haberá tamén unha liña específica de colaboración cos colexios profesionais implantados en Galicia para os mesmos fins, así como axudas para as empresas que fagan investimentos en tecnoloxías da información e a comunicación, ben na súa infraestrutura TIC interna, ben nas aplicacións informáticas. Existirán tamén axudas destinadas especificamente a apoiar o desenvolvemento de empresas do eido das TIC (tecnoloxías da información e das comunicacións) e lograr que poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

PUBLICIDADE