Automattic adquire Pocket Casts

venres, 16 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Automattic, compañía responsable de WordPress, o xestor de contidos máis popular do mundo, vén de absorber Pocket Casts, a aplicación de xestións e reprodución de podcasts multiplataforma máis usada e respectada, conseguindo así un interesante posicionamento de cara aos creadores de contidos para a Rede.
Pocket Casts é unha ferramenta para o consumo de podcasts que conta con numerosas opcións e está presente en multitude de plataformas, coa posibilidade de sincronizarse entre as mesmas; e dende WordPress tamén fan posible que dende unha páxina web os usuarios poidan subscribirse de xeito doado a un podcast en Pocket Casts, engadindo un bloque no seu sitio web, elemento que é un claro exemplo das sinerxías que poden xurdir entre os equipos que desenvolven ambas ferramentas.
Tras a integración en Automattic Pocket Casts continuará a funcionar como é costume, aínda que explorará xeitos que faciliten unha maior integración entre WordPress.com e Pocket Casts, facendo máis doada a distribución e reprodución de podcasts.

PUBLICIDADE