Auguran que o teletraballo podería chegar en 2015 ao 40% dos españois

venres, 13 de febreiro do 2015 Redacción

Este ano que vén de comezar, a cifra de traballadores que desenvolven o seu labor profesional a distancia vai seguir medrando de xeito considerábel. Así nolo contan dende a división española de Arkadin, que vén de facer un estudo sobre a situación do teletraballo no ámbito estatal: a predisposición das empresas para apostar por estas fórmulas, a inclinación dos profesionais, etc. Segundo se apunta, a opción laboral en liña é a todas luces positiva para unha empresa, xa que, entre outras cousas, “aumenta a produtividade até un 25 %”. Respecto ao ano 2015, Arkadin prevé un importante aumento do teletraballo en España, con arredor do 40% dos cidadáns desenvolvendo o seu labor desta maneira.
Segundo engade a empresa, España ten a tecnoloxía precisa para implantar e estender esta fórmula, “reclamada hoxe polo 57 % de empregados”, pero só o 21,8% das organizacións españolas (segundo datos de INE) teñen hoxe en día programas de traballo remoto dentro da súa estratexia. “Isto”, apúntase, “débese á conxuntura económica e o medo dos directivos a facilitar esta medida”. Porén, a xuízo de Arkadin “a realidade é que o 96 % das empresas están capacitadas para pór en marcha esta fórmula laboral”. Ao seu favor, xogan un importante papel cousas como o importante incremento do número e das capacidades dos teléfonos intelixentes e das múltiples aplicacións que permiten aos traballadores seren produtivos dende calquera recanto.
“Todo isto xerou un escenario laboral en proceso de cambio, onde cómpre adaptarse”, engade a empresa, que informa tamén que aínda que as previsións son boas para España, o país “aínda está por debaixo do que acontece en países asiáticos como India ou China”. De feito, segundo un informe de IDC, en 2010 en Asia había 601,7 millóns de traballadores móbiles, pero as previsións indican que aumentará aos 838,7 millóns en 2015. Máis preto, en países como Reino Unido o uso do teletraballo ascende ao 95% . Só un 26% dos españois realiza algún tipo de traballo desde casa, mentres en Europa a media é dun 35%.

PUBLICIDADE