Audible estréase en España

xoves, 1 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A finais dos anos 90 naceu nos EE.UU. un servizo de audiolibros chamado Audible, que gañou popularidade tras a chegada ao mercado do iPod, até o punto de que en 2008 Amazon fíxose coa compañía para complementar á súa grande oferta de libros electrónicos. Audible foi medrando en contidos, incorporou os podcasts á súa plataforma e, para diferenciarse da competencia, apostou por contidos orixinais que fixesen de reclamo, e nesta forma madura é como chega hoxe a España a un prezo de 9,99 euros/mes que facilita o acceso a máis de 90.000 títulos (máis de 6 mil en español e 4 en galego) de forma ilimitada.
Audible pode escoitarse dende numerosos dispositivos, permitindo a descarga dos contidos para poder escoitalos sen conexión. Permite a súa proba durante 30 días de balde, e tras a súa contratación tamén pode cancelarse a subscrición en calquera momento.
Para o seu desembarco español conta con contidos orixinais bastante rechamantes como Gen DRO, un podcast sobre a música pop narrado por Alaska e que en cada programa conta coa presenza doutros artistas; o audiolibro Pequeñas Revoluciones para Crecer de Elsa Punset; a versión narrada de Patria de Fernando Aramburu (obra de máxima actualidade pola súa adaptación televisiva); o clásico conto de Alicia en el País de las Maravillas narrado por Michelle Jenner; e incluso a adaptación a audioseries de La Que Se Avecina e Vis-à-vis.
Unha proposta moi interesante que porá a proba o mercado español ante o fenómeno dos audiolibros, que gozan de moi boa aceptación nos mercados anglosaxón. Actualmente teñen como competidor directo a Storytel, servizo que vai ter moi complicado competir con Amazon, xa que parte de prezos menos atractivos (o plan persoal custa 12,99 euros/mes).

PUBLICIDADE