Atresmedia premia as propostas dun grupo de alumnos da UVigo
luns, 13 de xullo do 2015
A
empresa de comunicación Atresmedia vén de entregar os seus
recoñecementos vencellados á iniciativa Proyecto
Mañana.
O
palmarés, segundo informa Universidade de Vigo, tivo finalmente
presenza galega. Máis en detalle, a dun grupo de estudantes da
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que conseguiron
impoñerse coas súas propostas aos traballos presentados por outras
catro universidades do ámbito estatal. As súas propostas foron as
seguintes: unha aplicación específica para móbil; un portal de
memes; a creación dun usuario único e manuais de estilo de redes
sociais para programas do grupo Atresmedia. Segundo engade a UVigo,
trátase da primeira vez que a institución académica galega
participa no certame de Atresmedia.
Estas iniciativas, xunto cunha pormenorizada análise
dos aspectos a mellorar no uso das redes sociais dos programas El
Intermedio de La Sexta e RadioEstadio de Onda Cero,
valéronlle aos estudantes galegos o devandito recoñecemento de
mellor proposta presentada, segundo determinou o comité de dirección
de Atresmedia na sesión de presentacións celebrada o xoves en
Madrid. O colectivo de estudantes está formado por Bernabé
Carrillo, Sara Varela e Miguel Grandío, estudantes de Comunicación
Audiovisual, e Jennifer Álvarez, Susana Basoa e Zoe Calvo, graduadas
de Publicidade e Relacións Públicas. Contaron coa coordinación dos
docentes Alberto Dafonte, Silvia García e Xabier Rolán.
Acerca das orixes e obxectivos do certame, a
Universidade de Vigo lembra que naceu coa finalidade de “non perder
o contacto coa realidade”, hai cinco anos, materializando unha
arela concreta de Atresmedia: a de consultar á xente nova o que
farían se estiveran no lugar dos directivos e directivas do grupo.
Así xurdiu pois Proyecto Mañana, que ano tras ano elixe unha
temática sobre a que durante seis meses traballan grupos de
estudantes de universidades previamente seleccionados. Así, a
Málaga, Navarra, Pompeu Fabra e Juan Carlos I, sumouse esta ano, por
primeira vez, a Universidade de Vigo, cuxo reitor asinaba en febreiro
pasado co presidente de Atresmedia Cine, Mikel Lejarza, un convenio
que materializaba esta participación.
Segundo engaden dende o Campus, a devandita
distinción concedida polo equipo directivo de Atresmedia non é o
único recoñecemento ao traballo desenvolvido polo equipo da
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que tamén poderá
beneficiarse dunha bolsa trimestral de prácticas remuneradas na área
multimedia do grupo.