Atopan un fallo de seguridade no iPhone que permite roubar as súas SMS vía web

xoves, 25 de marzo do 2010 Marcus Fernández

No encontro de expertos en seguridade informática Pwn2Own 2010 tivo lugar o tradicional concurso de vulnerar a seguridade de distintos equipos e navegadores web, conseguíndose derrotar en pouco tempo ao Internet Explorer 8, o Safari e o Firefox (mentres que o Chrome quedou coma o navegador máis seguro dos asaltados) e, sorprendentemente, foron capaces de piratear a base de datos de mensaxes de texto do iPhone a través dunha páxina web, nunha operación que só durou uns 20 segundos e foi levada a cabo por Vicenzo Iozzo e Ralf Philipp Weinmann. O ataque que logra acceder ás SMS almacenadas do iPhone bloquea o navegador web do terminal, pero os descubridores deste exploit aseguran que podería ser posible replicalo sen facer fallar o navegador, de xeito que queda aberta a posibilidade de desenvolver páxinas web que rouben información dos usuarios que accedan dende o móbil de Apple, o que non sorprenderá aos usuarios do primeiro iPhone (que podía liberarse directamente visitando unha páxina web feita para tal fin).
Weinmann asegurou que o proceso para atopar a vulnerabilidade de seguridade do iPhone e aproveitala levou un par de semanas, e asegurou que Apple colocou moitas medidas de seguridade moi robustas no seu móbil, pero non as suficientes, pois o mesmo truco que aproveitaron para roubar a base de datos de SMS podería aproveitarse para acceder á listaxe de contactos, á base de datos de correos electrónicos, ás fotografías ou aos ficheiros musicais de iTunes.
Os autores deste crackeo fixéronse cun premio en efectivo de 15.000 dólares.

PUBLICIDADE