AtlantTIC entregou un dos premios COIT á mellor traxectoria académica de Enxeñaría de Telecomunicación

luns, 26 de outubro do 2015 Redacción

Ignacio de Gorostidi e Miguel Álvarez, responsábel de Innovación de AtlantTIC, na gala de entrega dos XXXV Premios Ingenieros de Telecomunicación

O Centro de Investigación AtlantTIC da Universidade de Vigo vén de dar a coñecer a súa participación (o 16 de outubro) na máis recente convocatoria (a número 35) da versión estatal dos nosos premios do 25 de setembro (os que entrega AETG-COETG no marco da Noite Galega das Telecomunicacións). Falamos pois dos Premios Enxeñeiros de Telecomunicación que impulsan e outorgan as entidades estatais Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación. Neste certame estatal, dirixido a salientar e visualizar o traballo desenvolvido polos enxeñeiros durante os seus estudos, AtlantTIC entregou un dos premios á mellor traxectoria académica en Enxeñaría de Telecomunicación a Ignacio de Gorostidi Colás, licenciado en Enxeñaría Superior de Telecomunicación pola Universidade de Sevilla.
O galardón achegado polo centro galego insírese no seu compromiso por fomentar a excelencia do capital humano no hipersector TIC. Gorostidi, pola súa banda, amosou o seu agradecemento ao devandito Colexio Oficial e máis a AtlantTIC, e máis tendo en conta que o recoñecemento devandito de mans das ditas entidades, sinalou, podería facilitarlle nun futuro a volta á súa terra (arestora traballa en Reino Unido) para seguir desenvolvendo o seu labor de investigación máis preto das contornas educativas e empresariais que lle serviron de palestra profesional.
Por certo que na gala do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación tamén se recoñeceu a importante contribución tecnolóxica da investigadora galega Mónica Portela, enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e investigadora de AtlantTIC, que, como sinalamos hai uns días dende Código Cero, foi galardoada nesta edición co Premio Astellia á Mellor Traxectoria Académica en Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase, como lembraremos, do segundo galardón que premia a traxectoria académica de Portela, que xa en 2013 obtivo o Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia pola enxeñaría técnica; mentres que este novo galardón corresponde á enxeñaría superior.
Volvendo ao certame no que participou AtlantTIC, sinalar que a convocatoria dos Premios Enxeñeiros de Telecomunicación do COIT consta de tres categorías cun total de 33 enxeñeiros premiados: o galardón á mellor tese doutoral, cun premio valorado en 2.000 euros; ao mellor proxecto fin de carreira ou traballo fin de máster, cunha dotación económica de 1.000 euros; e o premio á mellor traxectoria académica en Enxeñaría de Telecomunicación, valorado tamén en 1.000 euros. Ademais, todos os premiados, un total de 33 enxeñeiros, obteñen un ano de colexiación e asociación de balde.

PUBLICIDADE