AtlanTTic e Balidea buscan voces en galego para ensinar á tecnoloxía a entender e falar na nosa lingua

martes, 21 de febreiro do 2023 S. P.

Laura Docío, Abel Caballero, Mónica Valderrama e Lorenzo Rodríguez na presentación do proxecto

Adestrar os algoritmos de Intelixencia Artificial que usan os axentes conversacionais por voz a través de gravacións de voces (datasets) de persoas falando galego, co obxectivo último de que as tecnoloxías entendan e se comuniquen na nosa lingua, é o gran obxectivo dun revolucionario proxecto desenvolvido por dúas investigadoras de AtlanTTic (Carmen García Mateoo e Laura Docío Fernández) e a empresa tecnolóxica Balidea. A intención é que as persoas galegofalantes non se sintan excluídas nas súas conversas con voz e que, ademais, poidan levar a acabo trámites, operacións e actividades de todo tipo.
O proxecto ten o seu alicerce nun informe das dúas investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (centro atlanTTic da UVigo), no marco da súa participación no proxecto europeo ELE (European Language Equality), informe no que se puxo de manifesto que “aínda queda moito por facer para que as tecnoloxías da fala en galego funcionen igual de ben que o fan noutras linguas nas que si se dispoñen de moitos recursos, como por exemplo o inglés”.
É neste contexto no que nace falAI, que, como dixemos, ten o obxectivo de recoller voces en galego que permitan xerar ferramentas de interacción co mundo dixital na nosa lingua. Co cancelo #A30frases, o centro de investigación e a empresa procuran a participación do maior número de persoas posíbel, que de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases, indicadas a través da plataforma falai.balidea.com, coas que se compoñerá un corpus lingüístico que permita adestrar un asistente conversacional por voz. O proxecto foi presentado publicamente estes días no edificio Redeiras da UVigo, nun acto presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e no que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a investigadora principal do proxecto, Laura Docío e o director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez.
Segundo explicou Laura Docío, investigadora principal de falAI, “temos o reto de acadar 6.000 participantes, cumprindo ademais os criterios de que 30 horas de gravación correspondan a persoas de máis de 50 anos; 10 horas correspondan a cada provincia e cun equilibrio de xénero de 40-60%”.
Docío, xunto á catedrática do mesmo departamento, Carmen García Mateo, e ao tamén investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, conforman o equipo que está a desenvolver falAI. “O único requisito que deben cumprir as persoas que queiran participar no proxecto é que sexan maiores de idade. Canta maior diversidade de voces teñamos mellor”, sinala Docio, que sinala que as voces se recollerán de forma anónima, “non se rexistran datos persoais sensíbeis que poidan identificar ás persoas participantes. Ademais, estas voces estarán dispoñibles con fins de investigación no ámbito das tecnoloxías da fala”, detalla a investigadora.
Ademais de recadar voces que falen en galego, que permitirán xerar datasets neste idioma en dominios como a saúde ou os trámites administrativos, falAI tamén ten o obxectivo de facer un estudo que sirva de guía no deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas con baixos recursos, con datasets moi limitados en canto ao número de horas de gravacións dispoñíbeis e á cantidade doutros recursos lingüísticos.
O proxecto falaAI enmárcase dentro da colaboración que as dúas investigadoras de AtlanTTic teñen en marcha coa empresa Balidea desde hai dous anos e que se formalizou coa concesión dunha axuda da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da tese de doutoramento de Andrés Piñeiro no campo dos axentes conversacionais por voz en galego, en particular en aplicacións onde a poboación obxectivo sexa xente maior.
O equipo de investigación, conformado por personal de Balidea e as investigadoras da UVigo, tamén acadou 22.500€ de financiamento nunha convocatoria aberta do proxecto europeo European Language Equality-ELE para a contribución na Strategic research, innovation and implementation agenda for achieving full digital language equality in Europe by 2030 (SRIA). Na convocatoria seleccionáronse nove proxectos e un deles foi o presentado por Balidea, e no que ía como parte do equipo de traballo a UVigo, titulado Building E2E spoken-language understanding systems for virtual assistants in low-resources scenarios.

PUBLICIDADE