Até duascentas empresas de Mos puxéronse ao día na nova norma en protección de datos

venres, 25 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Para quen non estea ao tanto, este 25 de maio entra finalmente en vigor (en todo o territorio europeo) o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos persoais (RXPD, regulamento UE 2016/679). Isto, entre outras moitas cousas, significa que imos ter que ser moito máis coidadosos, esixentes, rigorosos e vixiantes con respecto á información persoal dos demais nas redes e nas contornas dixitais, e tamén no que se refire á propia. O regulamento guinda unha serie de obrigas a ter en conta para os usuarios de a pé, as entidades públicas e, por suposto, as empresas. Para dar conta delas, celebrouse hoxe en Mos unha xornada informativa baixo o titular 2018 o ano da nova Protección de Datos.
A cita, celebrada no Pazo de Mos, veu da man da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), a Asociación de Talleres de Reparación de Automóbil (ATRA), a Asociación de Empresarios de Materiais de Construción (ASEMACO) e a Asociación de Empresarios de Transporte de Mercadorías (ASETRANSPO). Na sesión participaron os representantes de máis de 80 empresas, que tiveron a oportunidade de resolver as dúbidas que este regulamento europeo suscita, e no que se fai especial fincapé na responsabilidade proactiva, é dicir, na obriga das empresas a faceren unha análise do tipo de datos que tratan, as finalidades do seu uso e que tratamento se lle vai dar a eses datos co obxectivo de garantir a súa rastrexabilidade e demostrar que cumpren con todos os aspectos legais que se lles esixen.
Fernando Rivas, director comercial de Integral Data, salientou a importancia da certificación da destrución documental e a reciclaxe informática, ademais das diferentes opcións para cumprir a nova normativa nestes procedementos.
Doutra banda, Ignacio Hornes, responsábel de Norsecurity, introduciu aos asistentes no que serán, na súa opinión, os contidos máis relevantes que afectarán as empresas ao abeiro da protección de datos dos seus clientes, empregados e provedores. Hornes artellou en sete puntos os conceptos básicos que toda organización que trata datos de carácter persoal deberá ter en conta para cumprir os requisitos da nova normativa: datos de carácter persoal, consentimento, dereitos, avaliación do risco, política de seguridade e organizativa, delegado de protección de datos e fendas de seguridade.
Pechou o acto Marcelino Rodríguez, director comercial de Locatel, quen mostrou visualmente os cambios que a empresa introduciu na súa organización respecto da localización de frotas, para cumprir os requisitos do regulamento.

PUBLICIDADE