Até dez polígonos coruñeses estrearán este ano velocidades de até 350 Mbps

martes, 21 de marzo do 2017 Redacción

O operador R e a axencia AMTEGA presentaron este martes as actuacións para dotar de Internet ultrarrápida aos polígonos industriais da provincia da Coruña, ao abeiro do Plan de Banda Larga do Goberno galego. Estas actuacións comezaron en 2016 e desenvolveranse até 2018. No acto de hoxe, que serviu de complemento ao celebrado onte (no que se deron a coñecer as actuacións do Plan nos complexos industriais pontevedreses), fíxose saber que os traballos da compañía R (despregues de fibra óptica até o fogar, tecnoloxía FTTH), incorporarán 10 polígonos coruñeses á listaxe de complexos galegos que en virtude do dito Plan xa contan con velocidades de até 350 Mbps. Estes datos foron achegados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro.
Entre outras cousas, lembraron que en 2016 os traballos equiparon con redes de última xeración seis polígonos da provincia. A previsión en 2017 é abranguer 10 novos polígonos, estando programada a incorporación doutros 9 en 2018.
En termos máis concretos de características técnicas, as empresas residentes nestas contornas estarán en disposición de contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
“Unha vez completado o Plan”, sinalaron os participantes na rolda de prensa de hoxe, “o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps”. Na sesión cos medios, AMTEGA lembrou ademais que vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.
Na rolda, R recordou que pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Pola súa banda, Mar Pereira recordou que ao abeiro do dito Plan, en 2016, completouse o despregue en 17 polígonos en toda Galicia, estando previsto cubrir este ano outros 30 e en 2018 os 34 restantes. “Deste xeito”, engadiu, “no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs”.
Tamén fixo fincapé en que para aquelas empresas que estean fóra dos recintos fabrís ou en zonas illadas, o Plan de Banda Larga tamén abrangue unha convocatoria de axudas para subvencionar até nun 100% os custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida as devanditas empresas afastadas, até un máximo de 20.000€ por beneficiario.

PUBLICIDADE